A Xunta electoral exixe a cesación da publicidade institucional durante a campaña

A Xunta electoral estima o recurso interposto polo BNG en que demandaba a retirada da campaña de publicidade institucional “A Galiza do futuro depende de nós” e exixirá á Xunta de Galiza a cesación dela.
photo_camera Alfonso Rueda, director da campaña electoral do PPdeG e conselleiro de Presidencia. Imaxe:PPdeG

Como adiantaba Sermos Galiza a pasada semana, a directora da campaña electoral do BNG, Monste Prado, anunciaba a presentación dun recurso perante a Xunta electoral polo que exixirían a retirada da campaña promovida pola Xunta de Galiza “A Galiza do futuro depende de nós”.
Após esgotárense as 48 horas que posuía a administración pública para presentar as alegacións ao recurso, a Xunta electoral decidiu esta segunda feira estimar o recurso presentado pola fronte nacionalista e demandar a cesación da campaña publicitaria de acordo coa Instrucción 2/2011 da Xunta electoral xeral.

Segundo fontes da propia Xunta electoral, a administración tentou até o último momento defender a lexitimidade da campaña argüíndo que se trataba dunha comunicación necesaria e “inocua” dirixida á “conservación, mellora e potenciación da nosa paisaxe, en definitiva do noso medio ambiente”. No entanto, a alegación final da Xunta de Galiza conclúe afirmando que existen “evidentes suspicacias” na denuncia presentada polo BNG, polo que retiran o seu dereito a defendérense á fin de “evitar calquera dúbida” sobre o proceder da propia administración.

Así pois, a Xunta electoral de Galiza fará público un ditame polo que exixe a retirada da campaña publicitaria de acordo coa instrucción 2/2011 da Xunta Electoral xeral en que se prohiben todas as campañas de publicidade institucional após a convocatoria dun proceso electoral agás, aquelas que sexan “imprescindíbeis para a salvagarda do interese público ou para o correcto funcionamento dos servios públicos” (artigo 4.b).

Neste sentido, a Xunta electoral de Galiza entende que a campaña publicitaria “A Galiza do futuro depende de nós”, incumpre a lexislación vixente e deben, xa que logo, cesar as súas insercións nos medios de comunicación. Asemade, o ditame da Xunta electoral fará fincapé na necesidade de se cumprir a lei durante a campaña electoral.

Para o BNG resulta "moi curioso" que nun primeiro momento a Xunta alegase a demanda, en primeira instancia, e que "finalmente optase por retiralas". 

Comentarios