A Xunta incumpre a Lei electoral por novena vez

A Xunta electoral acorda requerer ao goberno galego que se “absteña de realizar actos prohibidos” após unha nova resolución. E xa van nove.
Agustín Hernández conselleiro medio ambiente
photo_camera Agustín Hernández, conselleiro Medio ambiente

O Partido Popular segue a empregar con fins electoralistas o goberno galego. Así o reflicte o novo ditame da XEG en que se reprende ao conselleiro de Medio ambiente, Agustín Hernández Fernández, pola súa visita ao concello da Estrada, onde aproveitou para anunciar a construción dun proxecto de urbanización da Cidade do Moble de Galiza. De acordo co disposto na LOREX, o conselleiro –que asemade concorre ás eleccións nacionais como candidato número 6 pola lista de Pontevedra-- incorrería na vulneración do artigo 50 ao non se tratar dun “acto estritamente institucional”. 

Con esta resolución emitida pola XEG, suman xa nove as chamadas á orde que o organismo electoral envía ao goberno da Xunta de Galiz
a. Desde o adianto electoral, o executivo liderado por Alberto Núñez Feijóo, veu empregando a institución con fins partidistas. Así o amosaban os ditames promulgados pola XEG nos que obrigaba á Xunta a cesar a emisión da campaña de publicidade institucional “A Galiza do futuro depende de nós”; a retirada do 'Decálogo de dereitos das persoas maiores', coa que a consellaría de Benestar pretendía facer campaña electoral ou a de maior sona, a retirada de todas as informacións recollidas no portal web da Xunta de Galiza a respecto da suposta sinatura coa petroleira Pemex da construción de dous floteis.

Xosé Magariños: (BNG) "A actitude do PP reflicte a súa desesperación perante as eleccións"

“Un delito electoral”
Pola súa banda tanto PsdeG-PSOE como BNG, exixiron á Xunta electoral que traslade á Fiscalía “o reiterado incumprimento” da normativa vixente por parte do goberno galego. Pablo García, secretario de organización do PsdeG-PSOE, asegurou que “no que vai de campaña non pasou nin un só día sen unha mentira, unha irregularidade ou unha nova falsidade por parte de Feijóo”. Aliás considerou o incumprimento da LOREX –en reiteradas ocasións-- “constitúe un delito electoral que nin pode nin debe ser tolerado”. Desde o BNG da Estrada, Xosé Magariños, asegurou que a actitude do PP e os seus incumprimentos da Lei electoral reflicten “a súa desesperación” perante as eleccións polo cal, asegura Magariños, non dubidan en presentar “todo tipo de obras”.

Pablo García: (PSdeG) "No que vai de campaña non pasou nin un só día sen unha mentira, unha irregularidade ou unha nova falsidade por parte de Feijóo”

Afectad@s polas preferentes
Esta mañá a Xunta electeral debate o recurso presentado por diversas persoas afectadas pola fraude das preferentes. Segundo as plataformas, a subdelegación de goberno vén de denegar a mobilización convocada para o vindeiro día 16 de outubro por considerar que esta non pode desenvolverse en campaña electoral.

Comentarios