A RAG rememora o 105 aniversario do primeiro mitin en galego

“Mariñáns e montañeses, homes traballadores e honrados, saúde”. Así comeza o discurso que Manuel Lugrís Freire pronunciou o 6 de outubro de 1907 en Betanzos e que está considerado primeira intervención pública de carácter político en lingua galega. A RAG recupera na súa páxina web o texto, publicado en ANT, neste inicio de campaña.
photo_camera Manuel Lugrís Freire

A Real Academia Galega ven de recuperar na súa páxina web o discurso de Manuel Lugrís Freire, fundador da institución, que está considerado a primeira intervención política en lingua galega nun acto público.

Trátase do discurso pronunciado o día 6 de outubro de 1907 no que o xornalista e escritor explica as razóns que o levan a dirixirse en galego á audiencia: “primeiramente, porque d´este xeito entenderédesme mellor, e despis porque un boletin da Cruña, que para escarnio e vergonza do bon sentido leva o nome santo da nosa terra, dixo que se hoxe se vos parolaba en gallego, na fala que adeprendimos das nosas nais, na fala querendosa en que vosoutros namorástedes ás compañeiras da vosa vida e dos vosos infortunios, mais cariñosas dos vosos fillos, enterraríase no ridículo a propaganda de redención, de verdadeira libertá, que alborexa para esta terra”. O texto da intervención foi publicado no número 11 do xornal A Nosa Terra e, despois da explicación das razóns que o levan a empregar o galego, recóllese unha palabra entre paréntese: “Aprausos”-

Fundador da Liga Gallega da Coruña e da propia Real Academia Galega, en 1907, Lugrís Freire participará tamén na organización de Solidaridad Gallega, iniciativa na que militará activamente e que promoverá a través de intervencións públicas como este primeiro discurso galego pronunciado en Betanzos. A intervención de Lugrís Freire, cun ton intenso e reivindicativo, transcorrerá despois pola denuncia da emigración galega.

“Din por ahí que a emigración é cousa boa” comeza Lugrís Freire para se adentrar na súa posición arredor da sangría que estaba a provocar en Galiza a marcha de poboación. “”Pero eu, mariñáns, que tamén fun emigrante, podo decirvos que é boa, como é bon que un sentenciado á morte negra, fuxa, se pode, do cárce; como un home fuxa da terra inzada de lobos, como o paxaro fuxa do cobo das víboras”.

Comentarios