Acéndese a crítica interna no PSOE tras os resultados electorais

Persoas de peso no socialismo como Isamel Rego piden que Pachi Vázquez deixe as rendas do partido. E o candidato por Coruña, Francisco Caamaño, pide "con urxencia" unha renovación de rostros no PSdeG
Pachi Vázquez
photo_camera Pachi Vázquez

Os resultados do PSdeG no 21-O, 18 deputad@se a perda de 235.000 votantes, semella que están a xerar mar de fondo nalgúns sectores do socialismo. Se ben a executiva nacional do PSdeG acordou por unanimidade a continuidade de Pachi Vázquez até o congreso extraordinario ao que porán data nun comité nacional o vindeiro 10 de novembro, hai voes que postulan cambios desde xa.

Así, Ismael Rego, quen fora voceiro dos socialistas no Parlamento de Galiza, avogou pola renuncia de Vázquez para favorecer unha renovación do PSdeG. Rego considera que Vázquez "fracasou" á hora de conducir aos socialistas nesta etapa. Os resultados do domingo foron, indica este touriñista depurado por Vázquez, unha derrota sen paliativos, polo que o secretario xeral e candidato ten que asumir a responsabilidade. Ismael Rego falou incluso de "fracaso no liderado" do PSdeG.

Pola súa banda, o exministro de Xustiza con Zapatero e candidato do PSOE pola Coruña na cita que vén de transcurrir o domingo, Francisco Caamaño, sinala que Pachi Vázquez non debería ser o voceiro dos socialistas na Cámara autonómica. "A cidadanía entenderíao con dificultade", apuntou.

Caamaño, iso si, considera que o actual secretario xeral debe de conducir a transición que ten que darse no partido após os resultados electorais. Mais tamén apunta a que debe haber "con urxencia" unha renovación orgánica e de persoas no PSdeG.

Aspirantes?

O feito de que Caamaño vaia centrarse exclusivamente no traballo político na Galiza xa fixo saltar os primeiros ruxes ruxes sobre a existencia de movementos para optar á secretaria xeral no congreso de 2013. 

Comentarios