A lea entre PP e PSOE atranca os debates electorais

O Partido Popular dificulta o acordo utilizando todo tipo de pretextos, entrementres o BNG volveu manifestar a súa disposición para que se celebren os debates “sexa como sexa”.

Será necesaria unha terceira reunión, despois da falta de acordo na xuntanza entre a dirección de campaña de PP, BNG e PSOE, que tivo lugar esta cuarta feira. Segundo puido saber Sermos Galiza, no encontro de onte o Partido Popular utilizou as diferenzas co PSOE en relación ás posíbeis datas dos debates como pretexto para non pechar un acordo.

O Bloque deixou patente a súa disposición para que os debates teñan lugar “sexa como sexa”

@s populares tentaron impoñer un formato “a dous”, onde se cruzarían os candidatos á presidencia dos tres partidos en tres debates diferentes (PP-PSOE, PSOE-BNG e PP-BNG), entrementres o PSOE expresou concordancia coa proposta do BNG para que se celebren “a tres bandas”.

Con todo, o Bloque deixou patente a súa disposición para que os debates teñan lugar “sexa como sexa”, polo que @s nacionalistas non farán causa de ningún aspecto formal xa que consideran “esencial en termos democráticos” que @s elector@s teñan a oportunidade de coñecer e contrastar as diferentes propostas políticas que se medirán o 21-O.

A próxima xuntanza entre @s responsábeis das campañas terá lugar esta sexta.

Comentarios