Perdede toda esperanza: a herdanza do mandato de Feijóo para a mocidade galega

A lexislatura popular á fronte da Xunta deixou unha especial pegada na mocidade, un sector da poboación que nestes tres anos e medio sufriu un incremento do desemprego do 13% para alén de volver ter na maleta a súa única opción laboral en moitos casos
Acto de Galiza Nova

"A mocidade é o núcleo do noso proxecto para Galicia". A afirmación de Núñez Feijóo hai uns días é idéntica á que xa pronunciara na campaña electoral de 2009 nun acto con moz@s en A Coruña. Desde aquela e até agora, a mocidade foi un dos sectores onde se deixou notar con especial intensidade o facer, ou desfacer, do goberno popular na Xunta da Galiza. Desemprego e emigración volven ser dous conceptos que Feijóo logrou volver ligar á mocidade. Como nas mellores épocas de Fraga.

Baixo o mandato de Núñez Feijóo o desemprego xuvenil disparouse nun 13%, un medre moi por riba do aumento do paro xeral. @s moz@s, outra volta, como principais prexudicados. De feito, e segundo amosan os propios datos oficiais, o 42 por cento das persoas de menos de 25 anos están no desemprego. E o traballo que hai é, en boa medida, precario, de baixa calidade e cunha remuneración escasa. O pasado mes de setembro, das persoas rexistradas no paro, pola volta de 20.000 tiñan menos de 25 anos. 

Salarios baixos

Un informe da CIG correspondente ao ano 2010, un 15 por cento das persoas asalariadas da Galiza cobraban a metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). A maior parte deles, mozos.

Esta precariedade no traballo, que marca a condición de moit@s moz@s que teñen emprego explica en boa medida que, como sinala un estudo da Universidade de Compostela (USC) de 2011, o 80% da mocidade galega dependa económicamente dos seus país. Só un de cada cinco mozas e mozos de entre 17 e 29 anos vive exclusivamente dos seus ingresos.

Albo dos primeiros recortes

Cando a crise comezou ensinar as súas gadoupas, o goberno popular atopou a oportunidade de comezar a aplicar recortes e supresións, ou ben valeirar de contido, servizos en diferentes eidos xuvenís. Desde o Noitebús até os centros Quérote, pasando polos progranmas específicos de procura de emprego ou os formativos.

Nesta liña, e nun aspecto tan importante non só laboralmente para a mocidade senón tamén para o desenvolvemento do país como é o I+D+i, os recortes da Xunta tamén deixaron pegada. Un exemplo disto é que só na Universidade compostelá xa hai agora 358 investigador@s menos que cando Feijóo chegou á Xunta.

E a maleta

Un escenario como o existente nestes tres anos e medio de mandato de Núñez Feijóo tamén tivo outra consecuencia devastadora na mocidade: A emigración. Moz@s galeg@s volveron abandonar o país para procurar un futuro. Segundo os datos do propio Instituto Galego de Estatística, en 2010 pola volta de 10.000 xóvenes abandonaron Galiza con destino a outros territorios do Estado, e 4.600 marcharon ao estranxeiro. Xa en 2009 o número de moz@s que tiveron que coller a maleta superaban os 10.000.

Ao longo destes tres anos e medio, pola volta de 60.000 moz@s galeg@s tiveron que marchar do país. 

Comentarios