A Fundación Premios da Crítica reclama un Plan Estratéxico para unha cultura en situación “de emerxencia”

Un Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023) máis unha Lei do mecenado e patrocinio son algunhas das actuacións que a Fundación Premios da Crítica de Galiza reclama no “Chamamento a partidos e organización políticas con motivo do 21O” que veñen de facer público.
Sesión de ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2011
photo_camera Sesión de ditame dos Premios da Crítica de Galicia 2011

A Fundación Premios da Crítica fai un chamamento pola defensa e a promoción da cultura galega como sinais de identidade e sector estratéxico da cultura de cara ás eleccións do próximo 21 de outubro. A entidade de carácter cultural que leva actuando no país desde hai 35 anos diríxese por vez primeira ás organización políticas que concorren ás eleccións co fin de reclamar unha especial atención para o sector no próximo gobernó da Xunta. Reclaman, de maneira especial, a elaboración dun Plan estratéxico para a Cultura Galega (2013-2023) ademais dunha Lei de mecenado e patrocinio.

Situación crítica 

O comunicado parte de destacar a relevancia da cultura no desenvolvemento do país e, alén da súa condición como “elemento substancial na cohesión social dos pobos” e “soporte da súa identidade”, a fundación Premios da Crítica fai fincapé nos datos económicos que rodean ao seu ámbito de actuación, calculados en 17.000 postos de traballo directos e indirectos que se corresponden cun 2% do PIB galego. Recoñece, no entando, que “polo efecto das políticas de reforma e austeridade”. Definen a situación pola que atravesa o mundo cultural como “crítica” e de “auténtica emerxencia” que pon en perigo o tecido construído durante as últimas décadas. Perda de postos de traballo, peche de empresas, e desemantelamento da identidade outéanse nun horizonte, ao dicer do manifesto, de non poñer remedio de inmediato. “A crise do sector da cultura pode levar á dramática devaluación material e espiritual de Galicia” afirman. A subida do IVE ao 21% contribúe, ao seu ver, ao desemantelamento do tecido cultural galego.

O comunicado da Fundación Premios da Crítica de Galiza súmase ás manifestacións desenvolvidas por outras entidades na defensa da nosa lingua e a nosa cultura como Prolingua ou a Mesa pola Normalización Lingüística reclamando un posicionamento claro de cara ao 21O diante do retroceso na normalización lingüística e cultural do país.

Comentarios