A sondaxe do CIS debuxa unhas eleccións abertas nas que só o BNG podería aumentar a súa representación

O 37,07% das persoas enquisadas non decidiu inda o seu voto. A sondaxe sinala que o PP podería manter a maioría absoluta pola mínima, mais un 49% desexa un cambio de goberno despois do 21-O. O BNG é a única das tres forzas con representación parlamentar que podería aumentar o seu número de escanos. A xestión do PP suspende tanto na Xunta como no Goberno central.

Segundo os resultados ofrecidos polo Centro de Investigación Sociolóxicas o Partido Popular podería obter por unha estreita marxe 38 escanos repetindo o resultado das anteriores eleccións, malia reducir o seu número de apoios. Doutra banda, o PSdeG descendería aos 23-24 deputad@s --fronte aos actuais 25--e o BNG podería incrementar un deputado até os 13. Deste xeito a fronte nacionalista sería a única forza de entre os tres principais partidos que podería aumentar a súa representación no Pazo do Hórreo.

O BNG sería a única forza de entre os tres principais partidos que podería aumentar a súa representación no Pazo do Hórreo

Alternativa Galega de Esquerda, que segundo a enquisa contaría cun apoio do 3,9% --por baixo da barreira mínima do 5%, podería obter un escano pola circunscrición da Coruña. Unión Progreso y Democracia, Sociedad Civil y Democracia e Compromiso por Galicia quedarían fóra do reparto ao non conseguiren o apoio mínimo exixido pola actual lei electoral. Compre sinalar que CxG non figuraba entre as opcións electorais no cuestionario do CIS, como tampouco o partido de Mario Conde, mais a enquisa reduce ao 2,6% a porcentaxe de voto asignada a “outras opcións” --entre as que se atoparía a formación liderada por Xoán Bascuas.

Malia que os resultados non variarían moito a respecto dos obtidos nos comicios de 2009, a sondaxe do CIS reflicte unha importante bolsa de persoas que manifestan a súa intención de non participar nas eleccións galegas ou que se amosan indecisas. O 37% d@s enquisad@s afirmou non ter decidida a opción pola que votará o 21-O. Este resultado deixa ver que as vindeiras semanas de campaña poderían facer mudar estas primeiras impresións.

Valoración negativa dos gobernos de Feijóo e Rajoy

Aliás dos posíbeis resultados electorais, o CIS achega unha valoración da xestión desenvolvida nestes tres anos e medio polo goberno da Xunta de Galiza. Neste senso, a maioría das persoas enquisadas –catro mil en total-- valora de maneira negativa a actual coxuntura económica e suspende a xestión de Alberto Núñez Feijóo á fronte do executivo galego. Segundo os datos do CIS un 40,6% considera como mala ou moi mala a xestión do goberno da Xunta nos últimos catro anos, máis do dobre daquela que a considera boa ou moi boa. Canto ao papel de Feijóo á fronte do goberno galego, un 37,1% opina que foi malo ou moi malo fronte a un 24,7 que a xulga bo ou moi bo.

Así mesmo, a enquisa do CIS reflicte o rexeitamento cara as políticas do do Goberno español, considerando nun 47,2% que a política desenvolvida polo executivo de Mariano Rajoy é desfavorábel para Galiza. O 60,4% valora como mala ou moi mala a xestión do Goberno central. 

Comentarios