A Consellaría de Cultura dá 21.240 € a unha asociación do PP para conmemorar a misa de Rosalía

Publicadas no DOG do 5 de outubro, co titular xa en funcións, a Consellaría de Cultura ven de outorgar mediante un convenio a cantidade de 21.240 € á Asociación Galicia Milenio, Foro de Pensamiento y Opinión para conmemorar os 80 anos da misa de Rosalía. Toda a súa directiva está vencellada ao PP.
Foro galicia milenio
photo_camera Foro Galicia Milenio

"Con motivo do 80 aniversario da misa de Rosalía", a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presidida por Jesús Vázquez ven de facer efectivo a través do DOG a aportación de 21.240 € para unha asociación vinculada ao PP. A Asociación Galicia Milenio, Foro de Pensamiento y Opinión foi apresentada no ano 2007 por tres persoas con recoñecida relación co partido de Núñez Feijóo. Á fronte situábase o profesor de Filosofía, Marcelino Agís Villaverde, coñecido tertuliano a prol das teses populares e, canda el, ocupaba a vicepresidencia Mª Teresa Cancelo, directora do centro Europeo de Empresas e Innovación da Consellaría de Economía e Industria e candidata agora na lista do PP pola Coruña no seu posto número 20. Como secretario figuraba José Antonio Constela, exdirixente de Nuevas Generaciones, numerario do Opus Dei e directivo do colexio maior La Estila (vinculado á obra). O cargo de Presidente de Honra outorgáraselle a Gerardo Fernández Albor, ex-presidente da Xunta.

Con pouca presenza nas redes sociais, o Foro Galicia Milenio mantén activo un blog sen apenas movemento e un facebook na que se confesan como asociaición de crenzas “católicas” e ideoloxía “liberal”. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon nas súas mans os 21.240 euros especificando no Diario Oficial de Galicia unicamente que se asina o convenio “con motivo do 80 aniversario da misa de Rosalía".

Comentarios