A automoción galega leva perdidos máis de 6.000 empregos no mandato de Feijóo

A facturación do sector na Galiza caeu en 2011 a niveis de 2002. En dous anos aprobáronse EREs temporais que afectaron pola volta de 10.000 operarios
Automoción

Falar do sector da automoción na Galiza é falar dun alicerce en canto a emprego e peso no PIB do país, para alén dun ramo punteiro en I+D+i e de representar unha parte considerábel das exportacións da economía galega. Un sector, pois, a coidar e incentivar. Mais nestes últimos catro anos, a automoción galega está a sofrer a combinación do embate da crise coa falla dunha planificación dos poderes públicos galegos (para alén de subvencións e axudas sen visión a medio ou longo prazo) do que pode ser este sector para Galiza.

Informes e estudos de diversas centrais sindicais alertaban a comezos deste 2012 que no sector da automoción de Vigo e contorna (onde se ubica a inmensa maioría do existente no pais) nestes últimos anos lévanse perdidos pola volta de 6.000 empregos, a maioría deles eventuais. E a isto hai que engadir que en dous anos aprobáronse EREs temporais que afectaron a uns 10.000 traballadores. 

En dous anos aprobáronse EREs temporais que afectaron a uns 10.000 traballadores deste sector 

Emprego directo e indirecto

A finais de 2008 nos polígonos de Vigo e O Porriño había pola volta dun centenar de empresas auxiliares que traballaban para a automoción. Case todas elas pasaron (e pasan) por dificultades. Empregan a uns 25.000 traballadores en sectores tan diferentes como o metal, textil, química...

En canto ao emprego directo, e segundo recoñece o propio Cluster do sector, só en traballos directos perdéronse 2.400 en dous anos (do 2009 a 2011). 

A facturación do sector da automoción da Galiza foi en 2011 de 7.000 millóns de euros, retrocedenco a niveis de hai anos. En 2007 o volume de negocio rondaba os 9.300 millóns de euros. 

Exportacións

En 2009, a automoción representaba o 32 por cento das exportacións da Galiza. Dous anos despois, en 2011, 'só' é o 26 por cento, seis puntos porcentuais menos. En canto ao peso deste sector no Produto Interior Bruto (PIB) galego caeu un punto, tras pasar de ser o 13% en 2010 ao 12% no ano pasado.

Rebaixar custos salariais

Alén deste panorama preocupante, desde os sindicatos alértase da tendencia crecente en empresas do sector desde hai uns tres anos a introducir nos convenios novas categorías laborais para así reducir os custos laborais. Aplícanse aos novos contratos temporais nas escalas máis baixas de cualificación, que poden pasar a cobrar até un 15% menos.

Feijóo gábase da situación do sector

Mais todas estas dificultades non impediron que o Presidente da Xunta se gabase onte da situación do sector. Feijóo participou da presentación dos novos vehículos eléctricos que se producirán na factoría viguesa de PSA-Peugeot Citröen, Peugeot Partner e Citröen Berlingo, No acto o candidato popular presumiu de que se produzan en Vigo estes dous novos modelos. A tal fin o Goberno galego inxectou na multinacional francesa 11 millóns de euros para que as furgonetas eléctricas leven marca “Galicia” nos laterais das portas. Unha axuda económica a un grupo empresarial privado que contrasta co desleixo do executivo galego en relación ao sector naval, como criticou días atrás o BNG.

Comentarios