A abstención e a dispersión do voto apuntalan a maioría do Partido Popular

O Partido Popular incrementa 3 deputad@s malia recibir 170.000 votos menos. A pesar do bo resultado obtido por AGE, a suma dos grupos da oposición sitúase dez mil votos por baixo do PP. O voto en branco ou nulo foi quinta opción. CxG, UPyD e Mario Conde quedan fóra do Parlamento ao non superaren nin o 1,5%.
Votación en Vigo
photo_camera Votación en Vigo

Os comicios deste domingo, que ao final contaron cunha participación moi próxima á rexistrada en 2009 (63,80%), saldáronse cunha nova maioría absoluta para o Partido Popular, que incrementa de 39 a 41 os seus escanos no Parlamento galego.

O descenso máis acusado sufriuno o PSdeG-PSOE. A forza liderada por Pachi Vázquez reduciu o seu número de deputad@s de 25 a 18. O BNG tamén reduce a súa representación parlamentar pasando das 12 actas colleitadas nas anteriores eleccións aos 7 que a fronte nacionalista obtén tras o 21-O.

A gran sorpresa foi a irrupción da Altenativa Galega de Esquerda, que entra no Pazo do Hórreo con grupo parlamentar de seu con 9 asentos. Malia que as enquisas nos últimos días daban por segura a súa entrada, o número de deputad@s que obtén foi superior á recollida na maior parte das previsións. Neste sentido, o inquérito do CIS, publicado ao inicio da campaña electoral, apenas lle outorgaba á coalición entre Anova e Esquerda Unida a posibilidade de obteren un deputad@ por Coruña.

Por provincias, o Partido Popular obtivo un escano máis polas circunscricións de Coruña, Ourense e Lugo, mantendo o mesmo número de escanos por Pontevedra. O PSOE perde deputad@s en todas as provincias, sendo os descensos máis acusados en Coruña e Pontevedra, perdendo 3 e 2 actas respectivamente. En Lugo @s socialistas retrocederon nun escano. Pola súa banda o BNG perdía unha acta por Pontevedra, Lugo e Ourense, e dúas por A Coruña.

A abstención e a dispersión do voto axudan o PP

Un dos datos máis salientábeis é que o Partido Popular alonga a maioría absoluta, que colleitara en 2009 pola mínima, malia a ter descendido en 1,2 puntos porcentuais e perdido perto de 170.000 apoios. O maior número de deputad@s populares obtense nun escenario electoral marcado por un incremento significativo da porcentaxe que votos nulos e brancos, que pasaron do 2,55% de 2009 ao 5,25% deste domingo, situándose como quinta opción de voto. Asemade, houbo un lixeiro incremento porcentual, +0,7%, da abstención que atinxiu 820.000 persoas.

Mais unha das principais chaves para entender un resultado non agardado é a dispersión do voto da oposición. A concorrencia de novas candidaturas, nomeadamente no caso da Alternativa Galega de Esquerda, malia o bo resultado colleitado pola coalición supuxo unha diminución nos votos obtidos en total pola oposición. Se en 2009 a suma entre BNG e PSOE superaba en 6.000 votos os sufraxios obtidos polo Partido Popular, desta volta o sumatorio entre ambas as dúas forzas máis AGE, colócase dez mil votos por baixo dos obtidos polo PP.

Neste sentido é significativo que os máis de 180.000 votos obtidos por AGE fican moi por baixo dos 375.000 sufraxios menos que recibiron as forzas da oposición que xa contaban con representación parlamentar.

As cidades

O Partido Popular perdeu apoios en catro das sete cidades, salientando os retrocesos que sufriu nas cidades de Pontevedra e Vigo, con 8 puntos menos. En Vigo o PP situouse por baixo dos 50.000 votos, fronte aos perto de 78.000 que suman BNG, PSdeG e AGE.

Desiguais foron os resultados do BNG, malia que o descenso de apoios urbanos foi a nota dominante. A fronte nacionalista obtivo o seu mellor resultado en Pontevedra, onde subiu dous puntos en apoio, situándose como terceira forza a escasas décimas do PSdeG, rozando o 19% do total dos sufraxios da cidade do Lerez. Na Coruña rexistrou o menor descenso.

Pola súa banda o PSdeG sufriu os maiores retrocesos, perdendo por riba dos dez puntos porcentuais en Ourense e Lugo, e de doce puntos en Pontevedra, Coruña, Compostela e Ferrol. En Vigo foi onde mellor resistiu a candidatura socialista, a pesar de perder 8 puntos porcentuais e máis de dezasete mil votos.

Dos resultados deste 21-O nas sete principais cidades galegas salienta o resultado de AGE en Coruña e Compostela, en que se colocou como segunda forza por diante de PSdeG e BNG superando en ambos os dous casos o 20% dos votos.

Quedan fóra do Parlamento

As candidaturas de UpyD, Sociedad Civil y Democracia e máis Compromiso por Galicia, non recibiron o apoio necesario para acadaren presenza no Parlamento galego. Situándose nos tres casos por baixo do 1,5% dos votos emitidos en Galiza.

Compromiso por Galicia foi a candidatura --das mencionadas-- con peor resultado, ao obter apenas catorce mil votos, ficando mesmo por detrás da candidatura de Escanos en Branco.

<

Comentarios