A horas das “primarias” de CxG descoñécense @s precandidat@s que optarán a encabezar as listas

Esta tarde, ás catro, remata o prazo para a presentación de aspirantes.

Cando restan pouco máis de 48 horas para que a militancia e simpatizantes (previo abono de 2 euros) de Compromiso por Galicia escollan as súas candidaturas na Convención Nacional de Primarias, que se celebrará este sábado en Compostela, non se coñecen oficialmente @s precandidat@s que aspirarán a encabezar as listas provinciais. No web de CxG non figura a esta hora ningún aspirante.

Ás 16:00h de hoxe remata o prazo para a inscrición de pre-candidaturas. A presentación das mesmas require que se entreguen un mínimo de 25 avais, asinados por militancia da súa circunscrición.

Nas propias filas de Compromiso agromaron posicións que apostan por non concorrer ás eleccións do 21-O

Polo momento, manéxanse oficiosamente os nomes de Xoán Bascuas e Xosé Manuel Pérez-Bouza, quen manifestaron publicamente a súa intención de aspirar a encabezar as candidaturas de Coruña e Ourense, respectivamente. O ex-popular Rafa Cuíña tamén transmitiu --a través das redes sociais-- a súa decisión de optar a ser cabeza de cartel por Pontevedra, poucos días antes de que a ex-conselleira nacionalista, Teresa Táboas, anunciase a súa retirada da política activa. A praza de Lugo é unha verdadeira incógnita. Con todo, ningún dos presumíbeis aspirantes fixo pública a motivación da súa candidatura nin os puntos nos que se basea a súa proposta electoral.

As incertezas que rodean esta convocatoria de primarias, acrecéntanse despois de que Espazo Ecosocialista anunciase que abandona Compromiso para se sumar á coalición AGE, con Anova e máis EU, da que CxG ficou excluído. Nas propias filas de Compromiso agromaron posicións que apostan por non concorrer ás eleccións do 21-O e agardar a próximas convocatorias para consolidar o seu proxecto político.

Unha interpretación singular das “primarias abertas”

Desde a dirección de CxG proclaman que as deste sábado serán “as primeiras eleccións primarias abertas da Historia de Galiza”. Porén, o seu formato e desenvolvemento amosa que o proceso terá pouco a ver coa fórmula que se aplica por diferentes partidos en numerosos países -Chile, Ecuador, Arxentina ou Uruguai, entre outros.

@s participantes da Convención apenas poderán coñecer e escoitar as propostas d@s precandidat@s momentos antes de iniciarse as votacións

As primarias abertas son unhas eleccións nas que @s votantes dunha determinada circunscrición, seleccionan as persoas que serán candidatas para concorrer nun proceso electoral político, habitualmente comicios nos que se designan cargos unipersoais. Defínense como abertas na medida en que permiten a participación, como elector@s, de persoas non afiliadas á organización política. A principal referencia deste tipo de elección son as primarias norteamericanas, un macroproceso no que se nominan @s aspirantes á presidencia dos EUA polo partidos Demócrata ou Republicano. A experiencia máis recente en Europa foi o proceso de designación do candidato presidencial do Partido Socialista na Francia, do que saíu escollido François Hollande.

Existen diferentes variantes dentro do formato de primarias abertas. Nos EUA, por exemplo, a elección é indirecta, xa que @s electores escollen @s delegad@s que elixirán @ aspirante na súa respectiva convención, en troques, no caso francés a escolla foi directa.

O certo é que na práctica totalidade das primarias abertas no mundo, estas veñen precedidas por campañas públicas nas que @s aspirantes dan a coñecer os fundamentos da súa candidatura, permitindo que o electorado coñeza --con tempo suficiente-- e poida contrastar os diferentes perfiles que concorren. No caso das primarias de CxG non foi así, e @s participantes da Convención apenas poderán coñecer e escoitar as propostas d@s precandidat@s momentos antes de iniciarse as votacións.

Comentarios