Pachi Vázquez: ''O PSOE estará traballando alí onde nos puxo a cidadanía''

O aspirante da formación socialista á Xunta de Galiza quixo asumir a baixada de escanos colleitada "como secretario xeral e como candidato". Colocou o seu cargo a disposición do partido e anunciou "un escenario de profunda reflexión" após lamentar que a cidadanía galega mesmo "nunha situación desesperada non soubese ver en nós a solución aos seus problemas"
Pachi con todas
photo_camera Comparecencia de Pachi Vázquez na sede galega do PSOE

"Galiza decidiu hoxe o seu futuro para os próximos catro anos", arrincou un resignado Pachi Vázquez a súa comparecencia como candidato á Xunta do PSOE desde a sede nacional desta formación política, sita na compostelá rúa do Pino. Após asumir a maioría absoluta que cun escrutinio do 80% tería o PP, dixo que xa felicitou o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, e que o PSOE "estará traballando onde nos puxo a cidadanía".

O ex-alcalde do Carballiño entraba pasadas as sete e media do serán na sede nacional do partido acompañado da súa parella, a ex-concelleira de Medio ambiente na vila ourensá María José Pérez. Malia o gran sorriso que traía canda el, recoñeceu atoparse "nervioso", apelou á prudencia e remarcou que "agora toca contar".

E contou. Seguiu o escrutinio reunido coa executiva galega e integrantes da executiva federal até que, con "resultados fiábeis", compareceu perante os máis de 40 medios de comunicación acreditados, arroupado por caras coñecidas como @s cabezas de lista polas catro provincias ou os ex-ministros de Fomento, José Blanco, e de Xustiza, Francisco Caamaño, que tamén se desprazaron até a sede d@s socialistas galeg@s para seguir de perto os resultados.

Vázquez asume a perda de apoio nas urnas

"Quero asumir a miña responsabilidade nestes resultados", remarcou Pachi Vázquez. "E quero facelo", acrecentou, "en calidade de secretario xeral e de candidato", pese a subliñar que valora a caída de apoios nas urnas "desde a serenidade de ter feito o que tiñamos que facer".

A pesar de anunciar "un escenario de profunda reflexión" na organización política a que representa, refusou renunciar ao cargo que ostenta, cargo que colocou a disposición da executiva galega convocada para esta segunda feira. "As decisións neste partido non se toman nunca en chave persoal e eu entendo a responsabilidade como estar ás duras e ás maduras", remarcou o que foi conselleiro de Medio ambiente entre 2005 e 2009.

Lamentou o político do Carballiño que a cidadanía galega, "aínda nunha situación desesperada non soubese atopar en nós a solución aos seus problemas". A primeira comparecencia na sede socialista de Compostela foi a do secretario de organización, Pablo García, quen valorou "positivamente" a normalidade que caracterizou a xornada electoral en todo o país, ao tempo que lamentou a baixa participación rexistrada, que finalmente quedou case dous puntos por debaixo da rexistrada nos anteriores comicios, en 2009. Recalcou que "non é boa para ninguén nun momento tan decisivo".

García refusou valorar os inquéritos electorais que se foron difundindo unha vez pechados os colexios electorais, que deron en todo momento a maioría ao PP e reservaron entre 18 e 20 escanos para o PSOE.