Jorquera: “O autogoberno e unha saída xusta á crise son caras da mesma moeda”

O candidato do BNG defendeu no mitin de Pontevedra a necesidade de abrir unha nova etapa fronte á “Galiza sumisa” que propón o Partido Popular.
Vista do numeroso público asistente ao mitin do BNG en Pontevedra
photo_camera Vista do numeroso público asistente ao mitin do BNG en Pontevedra

Nunha praza do Teucro ateigada de xente, o candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, criticou con dureza a xestión do Presidente en funcións e candidato á re-elección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Ironizando co lema de campaña elixido pol@s populares, 'Galiza primeiro', Francisco Jorquera asegurou que era máis unha mentira do Partido Popular “ou se non, entón por que está tan preocupado de que o país non sexa un problema para o Estado”, retrucou o candidato nacionalista.

Neste senso, Jorquera, dixo que “o programa de Feijóo xa se coñece, é o dunha Galiza sumisa e obediente a Madrid e a novos recortes”, polo que o nacionalista defendeu un “cambio real” para Galiza. O aspirante á presidencia da Xunta polo BNG, asegurou que o cambio de rumbo o 21-O pasa “por un banco público e unha nova política fiscal” mais tamén “por unha rexeneración democrática e un maior autogoberno que permitan desenvolver medidas cara a unha “saída xusta e social á crise”.

#Feijóomentirán
Ao igual que o lema da campaña que o BNG desenvolveu nas redes sociais, Francisco Jorquera asegurou que Feijóo “mentiu sobre as contas públicas” durante o debate que mantiveron ambos os dous candidatos a pasada cuarta na Televisión Pública de Galiza. Así pois, o nacionalista afirmou que o presidente saínte “mentiu sobre as listas de agarda e sobre o dramático caso da persoa enferma de Ourense” --que fora salientado por el no cara a cara--.

Aliás, Francisco Jorquera, exixiu, máis unha vez, ao Partido Popular que expulsase ao seu candidato pola provincia de Pontevedra, Castelao Bragaña, polas súas declaracións a respecto das mulleres. “É un auténtico exemplo de terrorismo machista”, aseverou Jorquera. Finalmente, o candidato do BNG fixo un chamamento á cidadanía para “frear a Feijóo e tamén a Rajoy” o vindeiro 21 de outubro pois dixo, “Galiza precisa abrir unha nova etapa, da man do BNG”.

Comentarios