"Gobernemos nós o noso mar", afirma Jorquera ao chamar a mobilizarse con Nunca Máis

O candidato do BNG pide o traspaso de competencias marítimas “para que non sigan a 600 quilómetros da costa” e lembra que “pode darse un novo Prestige”.
Francisco Jorquera na Coruña
photo_camera Francisco Jorquera na Coruña

Un día despois de que a plataforma Nunca Máis chamase a mobilizarse este martes 16 ás portas de Expocoruña, onde comezará o xuízo pola catástrofe do Prestige, o candidato do BNG á Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, instou a apoiar esa concentración --convocada ás 11.00 horas-- “pois dez anos despois unha traxedia desa envergadura podería volver acontecer “. 

“Grazas á presión de Nunca Máis ou do BNG nas institucións houbo algúns avances na seguridade marítima, pero tamén retrocesos, xa que non hai vixilancia vía satélite, por exemplo. As nosas costas seguen en risco e lonxe de estaren blindadas”, afirmou Jorquera nunha rolda de prensa celebrada na Coruña xunto a vari@s candidat@s e simpatizantes do Bloque. “É precisa a transferencia de competencias en materia de salvamento e tamén melloras no control do tránsito marítimo, pois as costas galegas son atravesadas ao ano por 42.000 buques, dos que 13.000 portan mercadorías perigosas”, dixo o candidato nacionalista, que insistiu en que “ninguén mellor que @s galeg@s para xestionar o noso mar, que segue a ser gobernado dende Madrid, a 600 quilómetros. Necesitamos soberanía tamén nese eido”.

Entre os pasos atrás dados nos últimos anos, Jorquera indicou que “o PP quere facer negocio co salvamento marítimo, xogando coa vida da xente”. “Co PP na Xunta os helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 foron vendidos a unha empresa privada e tamén é unha empresa privada a que xestiona os remolcadores. Até se privatizaron as radiocomunicacións marítimas. Feijóo cobra hoxe por calquera emerxencia, un escándalo”, engadiu. 

Pasada unha década do naufraxio do Prestige, o candidato do BNG apelou ao espírito de Nunca Máis “non desde a nostalxia, senón dende a lembranza dun pobo que recolleu o chapapote coas súas mans e deu un exemplo de rebelión cívica ante o mesmo señor Rajoy e o mesmo PP que hoxe gobernan no Estado e en Galiza e que foron os responsábeis do abandono do país naquel momento e son os responsábeis dez anos máis tarde de que as costas galegas aínda non sexan seguras”. 

Jorquera definiu o litoral de Galiza como “o máis rico e produtivo de toda Europa”. “Se no noso lema dicimos que temos que gobernar nós a nosa terra, hoxe é acaído dicir tamén que gobernemos nós o noso mar”, rematou o candidato do BNG.

Sobre o debate con Feijóo

Francisco Jorquera, valorou de forma positiva o debate que mantivo co líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, do que denunciou que volveu mentir diante de tod@s @s galeg@s.

“Quedou claro que Feijóo non ten nin un balance de xestión nin un proxecto para este país que presentar, por iso quixo falar de calquera outra cousa. Por iso estou satisfeito, porque demostramos que hai unha alternativa que se chama BNG”, afirmou Jorquera. “Eu non me vou poñer nota a min mesmo, pero sei que case non puiden durmir da multitude de mensaxes de parabéns que me chegaron dende persoas de todos os eidos”, desvelou. 

O cabeza de cartel d@s nacionalistas insistiu en que “durante o debate Feijóo volveu intentar enganar a Galiza”. “Primeiro negou que non existe ese informe, pendente de apelación, que asegura que fixo trampas contábeis co déficit e que leva a firma do que foi conselleiro con Fraga. E logo negou unha información da prensa sobre unha persoa con cancro que leva dende maio agardando por unha operación na sanidade pública en base a unha nota dos médicos que non nega a información e que ademais si foi publicada polo medio, en contra do que el dixo no debate”, explicou Jorquera durante a rolda de prensa na Coruña.

Comentarios