“É posíbel derrotar as políticas da dereita e dos grandes poderes económicos”

Montse Prado é directora de campaña do Bloque Nacionalista Galego e candidata ao Parlamento por Pontevedra. Sermos Galiza debullou con ela as primeiras semanas de precampaña e o panorama político de cara ao 21-O. Na entrevista dá resposta ás principais cuestións que envolven a intensa precampaña e sitúa cales son as chaves programáticas da alternativa nacionalista.
photo_camera Montse Prado, directora de campaña do BNG

 

Veñen de presentar as candidaturas do BNG para as eleccións. En que clima interno se elaboraron?
As listas do BNG son froito dun proceso envexábel, un proceso democrático e de participación de toda a militancia que nas asembleas comarcais achegou propostas daquelas persoas que consideraban debía formar parte das candidaturas. A executiva nacional elaborou con esas propostas a súa e logo volveu ser a propia militancia a que ratificou as listas. Disto, outras forzas políticas non poden presumir nin moitísimo menos. No BNG non só falamos de democracia senón que a practicamos coa participación directa da militancia.

Están, logo, superadas as tensións xurdidas na Asemblea de Amio?
O BNG é obvio que se atopa nun bo momento e temos referencias próximas no tempo que o constata, como pode ser a Convención Nacional celebrada en maio ou o 25 de xullo, onde se puido palpar con absoluta nitidez cal é o estado de ánimo da militancia, que está moi ilusionada e moi cohesionada. Contamos cunha organización moi engraxada e acorde coa liña política que está a levar o BNG. Esta situación é moi satisfactoria para nós.

As listas do BNG son froito dun proceso democrático e de participación da militancia

Novamente apostan por listaxes paritarias en xénero, porén nas candidaturas encabezan as listas tres homes.
No BNG non só nos limitamos a cumprir os mandatos paritarios recollidos na lexislación, senón que imos, normalmente máis alá. É certo que temos un candidato á presidencia da Xunta mais a número dous pola circunscrición da Coruña, Ana Pontón, vai exercer practicamente como candidata e logo a dúas e tres de Pontevedra, Coruña e Lugo son mulleres, é dicir, que se botamos unha ollada ao primeiro tramo, as cinco primeiras persoas de todas as listas, no BNG temos unha proporción do cincuenta-cincuenta. Creo que é unha proporción moi satisfactoria tamén.

Salienta a importante presenza de candidat@s que proveñen dos movementos sociais e do sindicalismo. Que mensaxe quere trasladar o BNG con esa decisión?
O BNG non concibe a campaña electoral como un paréntese entre o que se fai antes da campaña e do que se pensa facer despois de se celebraren as eleccións. Non concibimos a campaña coma un proceso de amnesia ao querer trasladar aos galegos e galegas unha imaxe que non se corresponde co que vimos traballando. No BNG, levamos xa moitos meses cun traballo moi constante coa cidadanía encamiñado a estar do lado das maiorías sociais que están a padecer a crise, traballando con eles cóbado con cóbado. Neste senso, nos actos que estamos a desenvolver procuramos darlles voz a eses sectores, non só nos diriximos a eles senón que, desde a nosa capacidade para organizarmos actos tentamos que a cidadanía aproveite eses espazos para trasladar as súas reivindicacións e o traballo que están a facer. Desde logo nas listas tamén quixemos que isto se reflectise e que estivesen presentes.

Jorquera sinalou estes días a necesidade dunha maior mobilización social, invocando o "Nunca Máis". Cal é o significado hoxe daquel espírito?
É evidente que o necesario é sumar esforzos [referíndose á campaña electoral] como reflicte o lema elixido, [“En bloque podemos!”]. Somos conscientes de que en bloque, colectivamente, é posíbel derrotar esas políticas e actuacións que por parte da dereita e dos grandes poderes económicos e financeiros están tentando poñer en marcha. Neste senso, Nunca Máis foi un exemplo precisamente diso, dunha mobilización colectiva, dun pobo o galego, que se rebelou contra unha situación que era totalmente inxusta na que se vía unha deixadez por parte de quen tiña a obriga de actuar, e neste momento estamos a padecer esa situación. A realidade de miles de galegos e galegas é dramática, entrementres estamos a ver como por parte do Partido Popular na Xunta de Galiza non se está a facer nada. Polo cal, no BNG aspiramos a ser o referente da Galiza que se move, que se rebela e que se opón contra á privatización do ensino e a sanidade, que se rebela contra a estafa das preferentes, que demanda carga de traballo para os estaleiros... Por iso, facemos un chamamento a que a indignación e o cabreo que se sente, se converta en acción como se fixo no Nunca Máis. E para nós esa acción ten que ser apoiar ao BNG.

A realidade de miles de galegos e galegas é dramática, entrementres o Partido Popular non está a facer nada

Cales son as impresións e sensacións que tiran destas semanas de precampaña?
Observamos unha moi boa aceptación das nosas propostas, pois está a acudir moita xente aos actos que organizamos, asemade tamén hai moita xente que nos traslada a necesidade dun cambio real, non só de goberno, senón das políticas que se veñen desenvolvendo, a necesidade de plantarmos cara a todas as medidas que rouban as conquistas alcanzadas ao longo da historia. Tamén observamos que o Partido Popular vai intentar ir cara a unha campaña que non estea centrada nas propostas pois non ten balance que presentar á cidadanía. Semella máis que obvio que en tres anos e medio de lexislatura o balance co que se presenta Feijóo é tremendo, co maior número de persoas desempregadas da historia de Galiza, intentando presumir do que non ten, de control do défice cando no primeiro semestre de 2012 Galiza é a quinta comunidade do Estado con maior défice, tenta presumir de control do gasto mais ao longo da súa lexislatura a débeda pasou de 3000 millóns de euros a case 8000, a realidade dun sector industrial practicamente esmorecendo, o sector leiteiro.... non ten balance que presentar polo que irá a unha campaña cun programa oculto como fixeron nas eleccións xerais, sen explicarlle á cidadanía o que teñen pensado facer e ao día seguinte das eleccións, se teñen capacidade para gobernar, aplicarán máis recortes e medidas lesivas para a cidadanía. Ademais cremos que están a levar a cabo unha campaña para “embarrar o campo” e intentar dispersar a atención cara a cuestións totalmente secundarias, no cal é experto o PP, xa o fixo en 2009 e a nosa impresión é que leva todo o camiño de facelo nesta campaña.

Estades a lles dar moita importancia ás redes sociais na campaña, mesmo sacastes a serie #feijóomentirán que circula pola rede...
As novas tecnoloxías son unha ferramenta que permite a inmediatez e polo tanto, o contacto directo con moitos cidadáns. En concreto, o BNG, tanto en Facebook coma no Twitter ten unha importante actividade se o comparamos coas outras dúa forzas políticas con representación parlamentar, e efectivamente, a nosa páxina web é tamén un elemento ao que lle damos bastante importancia como instrumento para darmos a coñecer as nosas posicións. Agora, vimos de quitar unha serie de videos cos que queremos evidenciar que este mantra que está a repetir Feijóo é unha mentira a todos os galegos e galegas. Cae antes un mentirán que un coxo e neses videos está a proba palpábel de que lle mente á cidadanía galega e parécenos que, ademáis de incumprir o seu programa electoral co que se presentou en 2009 como un compromiso con eles, agora procura volvelos enganar. Con esta campaña queremos que as galegas e galegos vexan cales foron as súas promesas e como as foi incumprindo unha por unha.

Queremos evidenciar que cae antes un mentirán que un coxo e #feijóomentirán é a proba palpábel de que lle mente á cidadanía

O Consello Nacional do pasado sábado aprobou tamén o programa electoral. Cales son as súas principais propostas?
O fundamental é facermos unha oferta programática a Galiza, á súa xente, no sentido de termos confianza nas capacidades de Galiza e na necesidade de crermos nelas. Neste senso, reclamamos soberanía para alcanzarmos un maior desenvolvemento económico en beneficio das maiorías sociais. É fundamental en momentos coma estes, dunha recentralización brutal por parte do Estado onde as decisión se toman cada vez en ámbitos máis afastados da Galiza, o preciso é ter soberanía, capacidade de decisión e autogoberno real para poder pór en marcha desde os nosos intereses todas aquelas medidas encamiñadas a desenvolver as nosas potencialidades, que son moitas. Logo, apostamos pola confianza no público, é dicir, a defensa de todos os servizos sociais, imprescindíbeis para o equilibrio e a igualdade real entre as persoas. Tamén defendemos a intervención pública. É necesario que as decisións as tomen aqueles que se presentan ás eleccións, os representantes dos cidadáns e non os que non se presentan. No noso programa facemos moito fincapé no autogoberno real, pois está en xogo o futuro de Galiza como nación, e tamén, na rexeneración da democracia e o avanzo nas liberdades. O noso obxectivo é favorecer a participación cidadá, polo que propoñemos unha lei de consultas populares e a modificación da lei que rexe a CRTVG, cuestións arredor desa necesidade de que a democracia non sexa só unha palabra senón que sexa algo real.

 

 

Comentarios