"É necesario que os poderes públicos teñan maior capacidade de intervención"

Ana Pontón fixo públicas algunhas das principais liñas do programa electoral con que @s nacionalistas concorrerán ao 21-O.
Rubén Cela e Ana Pontón
photo_camera Rubén Cela e Ana Pontón

Após poren fin á pre-campaña electoral cunha Convención nacional, @s candidat@s do BNG retomaron a súa axenda. Esta segunda feira, a candidata compostelá, Ana Pontón, fixo públicas algunha das alternativas políticas con que a organización frontista se presenta ás vindeiras eleccións galegas.

Acompañada polo voceiro municipal, Rubén Cela, a que durante parte desta lexislatura foi voceira parlamentar, explicou ás e aos xornalistas nun almorzo informativo, cales son os principais eixos arredor dos cales xiran as súas propostas electorais. Segundo Pontón, "Galiza está hoxe nunha situación de emerxencia nacional" após tres anos e medio de goberno Feijóo, en que "só aumentaron o desemprego e a débeda", aseverou a candidata nacionalista.

Ana Pontón acusou a Feijóo de facer política de "mentiras e manipulacións"

Ana Pontón, acusou o até o de agora presidente da Xunta e candidato á reelección polo Partido Popular, de ter desenvolvido unha política chea de "mentiras e manipulacións" como amosaron os contratos coa petroleira mexicana Pemex. Para @s nacionalistas, os últimos acontecementos demostraron que "os estaleiros galegos terán que se presentar a un concurso mais non existe constrato ningún", como se afanaba en escenificar Alberto Núñez Feijóo durante a pre-campaña; actitude que lle valeu máis unha reprimenda da xunta electoral de Galiza.

Perante esta realidade, Ana Pontón chamou a cidadanía galega a "se rebelar" contra a realidade política actual cuxa única saída, dixo, pasa porque os "poderes públicos teñan maior capacidade de intervención". Neste sentido, a nacionalista debullou os principais alicerces en que se asenta o programa electoral do BNG e que Pontón sintetizou en catro puntos fundamentais.

  • Banca pública galega. A candidata número dous pola Coruña puxo de manifesto a cantidade de diñeiro que até o de agora foi outorgada ás entidades financeiras --115 millóns de euros-- á que se lle sumarán os 60 millóns de euros que estes días veu de anunciar o goberno español. Segundo Pontón "é preciso reorientar as políticas bancarias para que esta se poña ao servizo da economía". A nacionalista, criticou con dureza as inxentes cantidades de diñeiro público que foron e son entregadas á banca "mentres se nos di que non hai diñeiro para a sanidade, os servizos sociais ou a educación". Así pois, para o BNG, avanzou, "é fundamental unha banca pública galega con control democrático" que dea financiamento aos sectores produtivos galegos.
  • Novo modelo de financiamento. "Galiza ten dereito a xestionar os seus recursos e recaudar os seus tributos", Ana Pontón asegurou que para saír da crise é fundamental que a sociedade galega se dote dun sistema impositivo propio "e xusto", que redistribúa a riqueza e permita soster os servizos sociais en tempos de crise. Neste sentido, a nacionalista fxo fincapé nunha das tradicionais propostas do BNG, a aplicación dunha reforma fiscal integral para "que pague máis quen máis teñen".
  • Defensa dos servizos públicos. A candidata nacionalista arengou a "frear a ofensiva contra os servizos públicos" que representan as políticas neoliberais e asegurou que, "en tempos de crise hai que investir máis en axudas sociais, sanidade ou educación", co obxectivo de paliar os efectos da crise.
  • Soberanía para Galiza. Por último, Ana Pontón defendeu o dereito de Galiza a decidir como única saída á crise económica pois aseverou, "queren que este país volva a producir emigrantes". En resposta as xornalistas, a nacionalista asegurou que o BNG "reclamamos o dereito dos pobos a decidiren" mais apuntou que "haberá que ir vendo cales son os pasos a tomar".

Aliás, a candidata Ana Pontón, asegurou que o goberno español está a preparar máis recortes "que terán lugar despois das eleccións en Galiza, Euskadi e Catalunya" e engadiu "as políticas do PP só provocan máis crise e máis desemprego".

Comentarios