Carlos Aymerich: "As indemnizacións dos directivos de NCG foron o prezo do silenzo, o salario da vergoña"

Carlos Aymerich encabeza a listaxe electoral do BNG por Pontevedra. Coñece ben de perto a fraude das preferentes pola súa calidade de profesor en dereito administrativo e porque defendeu os intereses das persoas afectadas en múltiples ocasións desde o plenario do Parlamento galego.
photo_camera Carlos Aymerich

Vostedes defenderon desde o plenario, os dereitos das persoas afectadas pola fraude das preferentes. Cal é, desde a súa opinión, a principal responsabilidade nesta estafa?

A fraude das preferentes foi politicamente orquestrada desde o ano 2003 coa lei 19/2003 que pactaron PP e PSOE e que legalizou a fraude das preferentes. De maneira que se a súa orixe é política tamén deberá ser política a solución e non a arbitraxe. Nestes momentos cobraron dúas mil persoas cando o número das afectadas, entre preferentes e subordinadas en Galiza, achégase aos 100.000. a solución tampouco pode ser cargar aos afectados cun proceso xudicial longuísimo e carísimo, sobre todo á vista do incremento das taxas xudiciais que prevé realizar o señor Gallardón.

"A solución á estafa das preferentes só pode vir da devolución íntegra dos cartos defraudados"

Que propón o BNG, neste senso?

Nós pensamos que calquera operación de re-estruturación do sector financeiro ou das entidades financeiras –neste caso NGB--, deben subordinarse á previa solución do problema das preferentes e esta solución só pode ser unha: a devolución íntegra dos cartos que lles foron defraudadas. Neste senso, vemos que a Xunta de Galiza non está nesta liña, non se personou na demanda presentada pola fiscalía, non está tampouco apoiando de ningunha maneira aos afectados e penso que nese sentido tamén é preciso un cambio o día 21 para que este problema na Galiza chegue a unha solución satisfactoria.

Os pactos PP-PSOE supuxeron ao longo destes tres anos e medio duros golpes para Galiza, como a lei de caixas, mais tamén para o conxunto do Estado español, como a reforma da Constitución...

O que nos xogamos tamén nestas eleccións é rachar ese consenso que no caso galego e español se expresa a través do acordo en temas sistémicos entre o PP e o PSOE como a reforma do artigo 135 da Constitución, a re-estruturación do sector financeiro que, por certo, podemos concluír despois de case catro anos dicindo que foi un auténtico fiasco, é dicir, investíronse 200 mil millóns de euros en privatizar as caixas de aforro e centralizar o poder financeiro, co resultado que temos; non hai máis crédito nin as entidades están máis saneadas e semella que pretenden seguir inxectando miles de millóns de euros máis que son suprimidos de ensino, sanidade, dos servizos sociais, da xustiza... Desde o BNG insistimos que non se trata só de cambiar o goberno de Galiza senón de mudar as políticas.

Alberto Núñez Feijóo pedía estes días que a xustiza actuase no caso das indemnizacións dos directivos de NCG. Ten algunha responsabilidade neste senso o presidente da Xunta?

O BNG xa o ten dito no Parlamento, esas indemnizacións son o prezo do silenzo, o salario da vergoña, pois foron aprobadas polos Consellos de Administración das caixas con representantes do PSOE e do Partido Popular en agosto de 2011, poucos meses antes de que se convertesen en banco e Castellanos asumise o control. O que se trataba de dicirlles aos directivos era ‘vós deixádenos facer e marchade para a casa que xa vos enchemos os petos’. Cando agora salta o problema resulta que o sabemos que nesa reunión do Consello de agosto só votaron en contra dúas persoas, o representante do Concello de Pontevedra, Xosé Lois Veiga e o representante dos traballadores --membro de CC.OO--. Mais non só se trata destas indemnizacións, estamos vende estes días como o presidente de Barreras, o señor García Costas --que asegura que existen contratos con Pemex--, recibiu das caixas sesenta millóns e medio de euros en créditos a un tipo de xuro que non lle dan a ninguén. Boa parte dese diñeiro foi emprestado ao 0,5%. Eu pregúntome por que o PP non quere que se investiguen estas cousas.

"O que hai que facer con NGB non é regalala senón transferirlla a Galiza, convertela nun banco público galego"

Cal é a súa proposta para solucionar os problemas con NGB?

A nosa proposta é moi clara e perfectamente compatíbel co estatuto vixente. De acordo co memorando que o goberno español asinou coa troika e que apoiou o PSOE no mes de xullo, a solución para esa entidade vai ser despezala e vendela a prezo de saldo á banca privada española ou aos fondos de investimento internacional. Se NGB xa é un banco público pois o 93% é propiedade do FROB o que hai que facer non é regalala senón transferirlla a Galiza, é dicir, que NGB se converta nun banco público galego. Con todo o que choveu NGB segue mantendo o 40% do aforro galego polo que non podemos permitir que unha entidade estrutural para Galiza se perda, se agasalle á banca privada.

O TSXG declarou unha “desviación de poder” a suspensión do concurso eólico posto a andar desde o bipartito e mesmo se prevé o pagamaneto de indemnizacións para as empresas afectadas, como valorades a sentenza?

Tomámola como unha reivindicación do traballo feito polo BNG no goberno. Agora que hai que facer balanzo do goberno do PP hai que facerse unha pregunta ben simple, a maioría dos galegos e das galegas está mellor hoxe que en 2009? Eu creo que a resposta é clara. Asemade, no caso enerxético vemos como o PP pon diante os intereses de certas empresas multinacionais e de certos empresarios próximos sobre os intereses de Galiza. Porén, isto non é novo. No que vai de ano a factura eléctrica subiunos máis dun 15% por mor do défice tarifario coas eléctricas, que é unha ficción legal feita á medida dos intereses destas compañías. Parécenos lóxico que PP e PSOE defendan os intereses das multinacionais porque Aznar está no consello de Endesa, Felipe González no de Repsol, tamén Solves, Pizarro... O que non entendemos é que Galiza exporte electricidade e teñamos que pagar a mesma tarifa que en Madrid, que non produce nin un só kw. No BNG reivindicamos a nosa propia tarifa eléctrica, e o poder político necesario para ter a nosa propia política enerxética. Precisamos autogoberno real.

Comentarios