O compromiso do PP coas gandeir@s, garantías ou desleixo?

O sector leiteiro atópase, máis unha vez, na agonía. Cómpre un ente que faga de árbitro e que garanta que os prezos que a industria paga por cada litro de leite cubran, polo menos, os custos de produción. A Xunta vén de dicir que fará ela as veces de mediadora. Xa o dixo noutras ocasións, e faltou á verdade. Tomámoslle o pulso a este novo preacordo e contámosche por que se tira co leite
photo_camera Explotación gandeira en Vimianzo [Imaxe: SG]


Após dous días de folga nas entregas do leite, un principio de acordo que a Xunta negociou primeiro con representantes da industria e transladou despois aos sindicatos convocantes --Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego-- levantou temporalmente o paro. Nas asembleias, @s traballador@s do agro debateron sobre a pertinencia de se fiaren da palabra da consellaría do Medio Rural, que xa en 2009, naquela mobilización que levara os tractores ás cidades, dixo que os prezos do litro de leite cubrirían os custos de produción e a súa palabra ficou en papel mollado.

Nesta sexta o leite galego volveuse entregar. Porén, segundo puido saber este xornal, gandeir@s de lugares como Sarria ou Santa Comba revolvéronse contra a idea de ceder antes de ter riba da mesa un acordo en firme e as garantías de que se vai cumprir. Ás asembleias o levantamento do paro chegou como unha decisión xa tomada, e contra esta postura revolveuse o propio SLG. A súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, recoñeceu que a última palabra tiña que lles ter correspondido aos e ás labregas.

Desamparad@s
"Non é verdade que os gandeiros quixesen parar a folga. A percepción que teñen é de desamparo. Non é a primeira vez que se lles conta esta historia, mais non tivo nunca repercusións na práctica. Cando dentro de 15 días lles digan que hai que saír pinchar cartóns de leite, ninguén se vai mobilizar". Pura Ferreño é técnica da cooperativa agraria provincial da Coruña, e traballa en contacto directo con gandeir@s que secundaron a folga nas entregas. A súa opinión partíllaa Sofía Ramos, de cuxa explotación ubicada na comarca de Tabeirós non saíu neses dous días nin unha pinga de leite.

"Por que tiramos co leite?", di Sofía, perante o reproche de moitas persoas que din partillar a loita agrogandeira por un prezo digno para o seu produto, mais non entender por que se derrama un alimento de primeira necesidade. "Tiramos co leite porque é o único xeito que temos de nos facer ver, de chamar a atención, e de que o goberno galego nos ouza e presione a industria", explica a gandeira. Acrecenta Pura que o que se pretende é "desabastecer a industria para sentar a negociar canda ela nunha postura que se semelle o máis posíbel á igualdade de condicións". Ambas as traballadoras son conscientes do que supón derramar leite, nomeadamente nos tempos que corren: "xustamente porque é un alimento de primeira necesidade, que o paguen como tal!", reméxese Pura.

Botando man das cifras, @s produtor@s reciben 29 céntimos por cada litro de leite en orixe, sen IVE e descontando as cualidades. Porén, os custos de produción soben até os 36 céntimos, tomando en conta que pola volta dos 18 céntimos custaría a alimentación das vacas. Como se sostén unha explotación agrogandeira? "Tirando dos aforros, mais eses aforros están xa a se esgotar", puntualiza Sofía, quen a finais deste ano se verá obrigada a transpasar o seu gando a outras mans. O rural galego leva anos coa soga ao pescozo, e os únicos respiros non os dá a industria, senón o prezo do concentrado. Cando este baixa, deixa unha marxe. Mais agora mesmo, ao igual que acontecera en xullo de 2009, cando os tractores se mobilizaron, o concentrado custa máis que o litro do leite. En 2007 pagábase por este produto 43 céntimos o litro; en 2009, 26 céntimos.

As mobilizacións do agro: nihil novi sub sole
"Ser é un artigo de primeira necesidade, mais para nós o prezo que ten é ridículo", recalca Sofía Ramos, que leva coa explotación desde 1998. "Non asinamos un contrato sabendo canto imos cobrar, senón para que nos recollan o leite durante ese ano", acrecenta. "Estamos moi afeitas a ver como nas folgas a xente corta o tráfico ou queima rodas, pois tirar co leite é o noso xeito de revelar contra unha situación que nos obriga a pechar". Os números danlle a razón á labrega. Hai uns 15 anos o número de explotacións na Galiza era de 68.421; en 2008 había 14.079; e co último goberno de Feijóo pecharon mil cada ano.

"Eu estudei Agrónomos en Lugo e lembro que nos '80 os gandeiros xa estaban na rúa polas cotas", apunta Pura. Efectivamente, en 1987 miles de gandeir@s subiron aos seus tractores e paralizaron Galiza. Vestiron as vacas frisonas con epitafios e leváronas á cidade. As faixas das protestas berraban ao unísono ‘Non á cota!’. Once anos despois, en 1998, repetiuse a historia. Desta volta o lema era ‘Non ás multas da supertaxa’.

Cambiaran os rodeos que daban os gobernos, cambiaran os argumentos dos sindicatos e as vacas xa non peregrinaban á cidade. Mais o panorama era o mesmo: o agro galego afundía. Un dos seus piares, o sector lácteo, desangrábase. En 2003 milleiros de gandeir@s concentráronse na capital da Galiza para exixiren un prezo digno para o leite, que cubrise como mínimo os custos de produción. En 2009, con ese mesmo obxectivo, os tractores voltaron ser protagonistas. Os e as gandeiras non renuncian á utopía de viviren do seu traballo.

Cando o propio goberno veta o acceso á terra e abre as portas a grandes distribuidoras
No canto de tirar co leite, por que non o reparten gratis? "Unha explotación leiteira o que ten é o produto en crú", explica a técnica Pura Ferreño, subliñando que non se pode comercializar nin pór a disposición d@s consumidor@s sen pasar os controis sanitarios e un proceso de pasteurización, proceso que, xustamente, é o que lle corresponde á industria. "As vacas hai que muxilas todos os días e as explotacións teñen unha capacidade limitada de almacenamento", continua detallando.

Son moitas as explotacións que fixeron a solicitude ao Banco de terras para alugar eidos. Terían así máis espazo a cultivar e reducirían os custos de produción. Pura calcula que son ao redor de 400 as peticións que o PP, desde a Xunta, deixou sen contestar. Porén, a consellaría do Medio Rural vén de desmantelar os centros comarcais e de despedir 23 traballador@s da Axencia de desenvolvemento rural --Agader-- argumentando que non hai carga de traballo. Est@s promotor@s elevan até o milleiro a cantidade de expedientes que fican sen tramitar, só os relacionados co Banco de terras.

Por derradeiro, a técnica da cooperativa da Coruña analiza máis unha situación que "non se dá por casualidade": a aterraxe na Galiza de multinacionais que poñen en marcha grandes superficies comerciais. Hoxe en día ocupan o espazo equivalente a 90 campos de fútbol. "O PP permite que as grandes distribuidoras campen ás súas anchas e o gandeiro xa non negocia os prezos do leite. A distribuidora di canto quere gañar e a industria fai a conta para atrás". O resultado: cartóns por debaixo dos 50 céntimos nos estantes dos supermercados.