A Xustiza estima o recurso de Audasa contra a devolución das peaxes polas obras da AP-9

A concesionaria da infraestrutura fora condenada a devolver os importes das portaxes pagadas por usuarias da autoestrada mentres se realizaron as obras de ampliación da ponte de Rande, entre 2015 e 2018.
Un momento das obras decorridas na infraestrutura. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un momento das obras decorridas na infraestrutura. (Foto: Europa Press)

A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de estimar o recurso que presentou a empresa Audasa, na que está a concesión da autoestrada AP-9, contra a sentenza que a obriga a devolver o importe de supostas peaxes abusivas.

O asunto, que foi aceptado a trámite pola sección primeira, vincúlase á sentenza do xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra que obrigaba a compañía a restituír parte dos importes das portaxes ás usuarias e usuarios da vía de alta capacidade que se viron prexudicados polas incidencias derivadas das obras de ampliación da infraestrutura na ponte de Rande.

As actuacións provocaron numerosas retencións entre febreiro de 2015 e xuño de 2018, pero as peaxes se cobraron igual a pesar de que o servizo non se prestou nas mellores condicións. En consecuencia, o Mercantil fallou que o que se facturou foi de forma "abusiva".

Quer Audasa, quer a Fiscalía e a Asociación en Colectivo tiveran presentado as súas apelacións. No entanto, o único que pasou o corte da Audiencia Provincial foi o da concesionaria da autoestrada.

No entanto, agora a Audiencia tomba o argumento da parte demandante -a Fiscalía, Adicae e varios particulares asociados e de forma individual- que aludía á Lei de Defensa dos Consumidores e Usuarios e da por anulada, na práctica, a sentenza que fora gañada contra Audasa.

Responsabilide das usuarias

Segundo recolle Europa Press, "cando a normativa de consumo inclúe como obxecto de control de abuso as prácticas contractuais non negociadas individualmente, ten en conta unha realidade diferente á deste caso, no que se axuízan as condicións fixadas para a explotación dunha concesión administrativa". A ollos do tribunal non cabe o concepto de "prácticas abusivas" porque, ao seu parecer, "non existe unha relación directa entre o pago da peaxe e as condicións nas que se presta o servizo".

Así indica que corresponde ás usuarias decidir se empregan a autoestrada, asumindo as condicións administrativas do contrado de uso.

Entenden, ademais, que os xulgados civís non poden decidir sobre un tema que depende da Administración. O auto que transcendeu hoxe subliña que as taxas da AP-9 "non retribúen, en proporción e equilibrio perfectos, a circulación segura e fluída no tramo correspondente".

Outro dos argumentos é que a actuación "desenvólvese baixo a vixilancia e control da Administración". Baixo esta premisa opinan que "non é función dos tribunais civís o examinar a bondade dos acordos relativos ao contrato de concesión, a valoración de se procede a redución das peaxes, en función das condicións en que se presta o servizo, o acordar o seu aumento con carácter extraordinario ou incidir na duración do prazo da concesión".

Após darse a coñecer a nova, a Asociación En Colectivo -unha das denunciantes- lamentou a decisión xudicial. Ao seu parecer, a resolución é un "pao para os consumidores, ao negarlles o dereito ás indemnizacións aprobadas anteriormente e ao non admitir que o Ministerio Fiscal e as asociacións poden reclamar a Audasa algún tipo de responsabilidade".

comentarios