A Xunta trae executiv@s afíns da empresa privada para postos de funcionari@s

CIG denuncia que postos de persoal directivo funcionario da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza van ser ocupadas por persoal do sector privado. Cada un deses costos vai supor un sobrecusto de 6.000 euros anuais.

Vanse crear cinco postos de persoal directivo funcionario na Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galiza (Amtega). Así o decidiu na comisión de persoal desta segunda feira a Xunta. Mais deses cinco postos, dous deles van ser “ocupados por persoas da empresa privada” e non por empregados públicos, denuncian desde a CIG.

A central nacionalista afirma que os cargos de xerente e de director de área de sociedade dixital están abertos para que desembarquen executivos da privada. “O director xeral de Función Pública dixo que para eses postos se ían nomear funcionarios de carreira”, di a CIG, mais “se pretendera iso na RTP recolleríase estes postos pechados para persoal de administración xeral da Xunta”. E, continúa o sindicato, “pola experiencia que temos”, esas prazas irán a mans de persoal procedente da privada.

É "un insulto" que o goberno opte por traer, e pagándolle moito máis, a persoal da privada para postos do persoal público, denuncia a CIG

Máis caro

A CIG indica que esta decisión vai supor, aliás, un sobrecusto para as arcas públicas: “Este persoal (que vén da privada) vai cobrar 6.000 euros anuais máis que un subdirector xeral, un funcionario da súa categoría coas retribucións máximas”.

O sindicato considera “un insulto” aos profesionais da administración que o goberno galego opte por traer para postos que se deberían cubrir con funcionarios a executivos afíns procedentes da empresa privada. E, ademais, con mellores salarios (pagados por tod@s, lembran).

Comentarios