A Xunta ten un plan para acabar coa exclusión financeira

A nova lei de impulso demográfico aprobada pola Xunta incorpora no seu articulado medidas para garantir a cohesión territorial, entre as que figura a de rematar coa exclusión financeira garantir que toda a cidadanía teña acceso aos servizos bancarios en condicións equivalentes. 
Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)
photo_camera Unha persoa saca cartos dun caixeiro (Europa Press / arquivo)

Os sucesivos procesos de concentración bancaria provocaron a progresiva desaparición de sucursais nas vilas galegas. Segundo os datos dun informe elaborado polo Sindicato Financeiro de UXT, entre os anos 2008 e 2018 desapareceron na Galiza 37,52% das ofi cinas bancarias, unha situación que deixou a 43 concellos sen entidades financeiras e a outros 81 cunha única sucursal bancaria, o que obriga ás súas veciñas a terse que desprazar para poder acceder a estes servizos. A situación puido verse agravada nos últimos meses após as operacións de feche de oficinas de Santander e Caixabank, nas que algún outro concello puido sumarse a esta listaxe. 

A perda de prestacións é unha das causas do abandono do rural. A Xunta vén de aprobar no seu último Consello a nova lei de dinamización demográfica, que ten entre os seus obxectivos o da cohesión territorial. E dentro de esa estratexia para que toda a cidadanía, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos mesmos servizos, a Administración autonómica impulsará a colaboración das entidades financeiras que operan na Galiza para ofrecer servizos bancarios en condicións equivalentes. Noutras verbas, rematar coa exclusión financeira, que afecta a 8,1% da poboación, case 220.000 galegas, con especial incidencia nas comarcas do interior do país.

Procura de alternativas

Até o momento, a única alternativa da que dispoñían estas persoas era agardar polo servizo de oficina móbil que presta Abanca, e que consiste nun vehículo que percorre os núcleos do rural galego ofertando as mesmas atencións que atoparían nunha oficina convencional. Responden así a outra eiva, a exclusión dixital, provocada pola dispersión xeográfica e o envellecemento da poboación, que non ten fácil acceso ás novas tecnoloxías para facer as súas xestións.

A solución na que está a traballar o Executivo de Alberto Núñez Feixoo son os caixeiros universais, que poden ser utilizados por calquera clienta, independentemente da entidade coa que traballe habitualmente. Os caixeiros non son o mesmo que as oficinas, pero permiten realizar algunhas operacións cotiás como sacar ou ingresar cartos, actualizar as cartillas ou aboar os recibos, que para a xente que non dispón destes servizos no seu concello suponlle ademais o problema dos desprazamentos. 

A Xunta traballa nos pregos do concurso para adxudicar a prestación deste servizo, no que vai primar a aquelas entidades que tamén ofrezan asesoramento persoal para resolver as dúbidas que lles poidan xurdir ás usuarias ou que formen á poboación no uso de novas tecnoloxías, de tal xeito que poidan facer uso das aplicacións móbiles que ofertan nas distintas plataformas as entidades bancarias e nas que poden acceder a un maior número de servizos, como a contratación de produtos ou a documentación vencellada aos contratos xa existentes. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

Comentarios