Dos 24 barcos cefalopodeiros que faenaban en Mauritania en 2011, 10 están despezados

Outros 11 teñen contratos privados noutros estados, 1 foi vendido ao Irán, 1 está a reparar en Marín e o derradeiro fica amarrado en Vigo. Os dados deunos o deputado do BNG Daniel Rodas durante a presentación dunha proposición non de lei en que denunciou que a Xunta segue sen dar nengunha alternativa á frota galega.

 

danielrodas
photo_camera © BNG

Dos 24 barcos cefalopodeiros que faenaban en Mauritania en 2011 dez están despezados, catro faenan en Gambia con contratos privados, outros catro en Angola e máis dous nas Illas Malvinas tamén con contratos privados, un está amarrado en Vigo, máis outro foi vendido ao Irán e dous están a reparar en Marín e en Guinea-Conaki, país este último, segundo a UE, que non reúne "as garantías esixidas" e será expulsado o 30 de marzo. 

Os dados deunos esta cuarta feira o deputado do BNG Daniel Rodas durante a presentación dunha proposición non de lei en que pediu instar a Xunta da Galiza "a que considere como prioridade a frota cefalopodeira e se involucre publicamente en buscar as medidas oportunas" para frear o despezamento de barcos e conseguir que estes volten faenar. 

Reclamou o nacionalista que se solicite da UE e do Estado español acordos con terceiros países e que a conselleira do Mar "tome medidas adicionais" para que a frota non se despece nen se venda. A proposición non de lei foi rexeitada polos votos do PP. O voceiro da formación conservadora na comisión de Pesca, José Manuel Balseiro, alegou que os 24 buques non teñen porto base na Galiza. 

Con todo, Rodas respondeu que os seus impostos páganos na comarca do Morrazo --nos concellos de Moaña, Marín, Cangas-- e en Vigo e que os mariñeiros, o combustíbel, os víveres, a auga e o avituallamento son galegos. Alegou, así mesmo, que no segundo pavillón de Gran Canarias están tamén incluidas as embarcacións do servizo de gardacostas de Galiza.

Comentarios