domingo 19/09/21

Alianza Rural Galega: "A Xunta quere un Plan forestal pouco transparente e sen inventariar o monte"

A intención da Xunta da Galiza de aprobar un novo Plan forestal sen contar cun inventario actualizado do monte galego, iniciado o pasado setembro, alertou as organizacións da Alianza Rural Galega. Estas entidades denuncian "falta de transparencia" e a inutilidade dun órgano como o Consello Forestal. 
Plantación de eucalipto nun monte galego (Adega)
Plantación de eucalipto nun monte galego (Foto: Adega)

O anuncio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, da intención por parte do Goberno galego de aprobar un novo Plan forestal para Galiza no primeiro semestre de 2021 sen agardar a que se remate o inventario forestal alarmou unha boa parte das entidades galegas relacionadas co monte. Desde a Alianza Rural Galega (Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Confederación Intersindical Galega, Federación Rural Galega e Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común) amosaron a súa sorpresa e indignación polas présas coas que agora se trata un tema tan sensíbel e de tanta importancia para o futuro do noso territorio.

A Consellaría de Medio Rural xa presentara en xuño de 2018 un Plan forestal baseado nos datos do último inventario, realizado con información recollida no IFN4 (Cuarto inventario forestal estatal), que data de 2009, é dicir, de hai 11 anos. Daquela, máis de 70 organizacións e colectivos presentaran alegacións por contar con referencias "ficticias e desfasadas". A Xunta, a día de hoxe, aínda non respondeu esas demandas.

En setembro de 2020, Medio Rural presentou o inicio dun novo inventario actualizado que realizarían coa colaboración de grupos de investigación das universidades de Santiago e Vigo. Co anuncio agora de aprobar unha nova estratexia antes de ter rematado ese inventario, a Xunta abre unhas incógnitas para o futuro do monte galego que non se desvelarán até que se reúna o Consello Forestal o vindeiro 8 de xaneiro. 

Apresuramento no novo Plan forestal

"Desde a consulta que nos fixeron hai ano e medio nada máis se soubo", indica a Nós Diario desde Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) Belén Rodríguez. Asegura que agora mesmo "non se dan as circunstancias mentres non se aprobe o inventario forestal galego" por entender que "é vinculante para calquera reforma que se pretenda no plan forestal". 

Para Xosé Alfredo Pereira, da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común (Orgaccmm), a présa podería ter como explicación a "presión que fai a industria da madeira para dispor do monte ao seu antollo". Afirma a Nós Diario que unha análise rápida do plan forestal xa descobre que "aínda que venden unha redución de 5% da superficie de eucalipto, esta non é real". 

Desde a  Federación Rural Galega (Fruga), o seu coordinador, Manuel Dacal alerta a Nós Diario que esta "celeridade" é "incoherente" por non contar cos datos do novo inventario, "máis actual, contrastado e coherente". Denuncia que esta decisión é unha máis “nunha deriva propagandista exacerbada” con presentación de "campañas de propaganda sen feitos concretos". 

Falta de transparencia e democracia no Consello

As organizacións da Alianza Rural Galega denuncian tamén "falta de transparencia e democracia" no Consello Forestal, un órgano consultivo que, segundo afirman, non está funcionando. "Denunciamos no su día que non está amplamente representado do conxunto da sociedade", explica Belén Rodríguez. "Nacía sen ter un inventario desfasado e non contou con suficiente representación da sociedade galega". 

Xosé Alfredo Pereira lembra que "en todos os organismos internacionais falan de que todo plan forestal ten que ser consensuado e este non o é". Admite que "participamos as entidades que formamos parte do Consello forestal mais as que non están e representan o sector de montes non participan". Asegura que no seu momento "tentamos que entraran e o director xeral de montes non aceptou" polo que o actual órgano consultivo "parte dunha premisa errónea e non democrática". 

Medidas erráticas na política forestal

A Alianza Rural Galega sinala nun comunicado que as mudanzas lexislativas que pretende realizar a Xunta son "movementos erráticos" que poden prexudicar o futuro do monte galego. Non entenden que o anuncio da aprobación do novo Plan se faga ao mesmo tempo que se destitúe o propio director xeral que o elaborou. Ademais indican que "obvian as tramitacións en curso da renovación do plan forestal".

Nesta situación atópase a pretendida modificación da Lei de prevención e extinción de incendios forestais do ano 2007, en fase de elaboración, ou a Lei de recuperación de terra agraria que xa chegou ao parlamento e cuxos obxectivos e propósitos se definen sen ter feito antes unha análise rigorosa da actual configuración da superficie forestal galega, para o que tamén se precisa un inventario forestal actualizado. Diante desta situación non descartan mobilizacións sociais e levar este tema ao Parlamento galego.

comentarios