venres 23/07/21

A Xunta pide a Madrid cartos para Ence

O conselleiro de Industria demanda ao Goberno español "concretar" fondos europeos para o traslado da pasteira e pide un encontro en Galiza para analizar o futuro da empresa.

Vista da factoría de Ence e da ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press) #ence #celulosa #ríadepontevedra #traslado #pastera #industria #madeira #eucalipto
Vista da factoría de Ence e da ría de Pontevedra. (Foto: Europa Press)

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, chama ao Goberno español a "concretar" fondos europeos para ofrecer unha "alternativa" a Ence, após a sentenza da Audiencia Nacional que obriga o seu traslado da ría de Pontevedra ao anular a prórroga da concesión concedida en 2016 polo Goberno en funcións de Mariano Raxoi.

En declaracións esta segunda feira, Conde convidou o Goberno español a visitar Galiza, "de igual forma que está a visitar outras comunidades", e pon de exemplo o apoio á automoción en Catalunya ou a viaxe da pasada sexta feira, da ministra de Industria, Reyes Maroto, a Estremadura, para abordar o futuro da pasteira.

A Xunta aliñábase coa tesde da pasteira de que calquera outro emprazamento que non fose o actual, en Lourizán, era inviábel. Mais agora pide cartos para o "traslado"

Así, require ao Goberno estatal "realismo" para que "se poida concretar unha alternativa ao peche desta empresa". Co fin de "dar viabilidade a un proxecto destas características", di que se necesita "que haxa uns requirimentos técnicos desde o punto de vista da empresa", así como saber "cales son as condicións ás que se pode acceder en termos de fondos europeos", pois "o propio Goberno é o que ten a última decisión".

Nesta liña, deixa claro que "a prioridade é o emprego" e a continuidade dun "proxecto destas características no sector forestal e loxístico". "Seremos absolutamente proactivos, colaboraremos co Goberno e a propia empresa para poder identificar esa solución, pero desde un punto de vista pragmático e realista", afirma Conde.

Igualmente, critica que, "até agora, a transición enerxética só se pode contabilizar en peche de empresas e máis impostos tanto para as familias como para a propia industria"

comentarios