A Xunta non garantirá o servizo eléctrico ás familias que non poidan pagar a luz

No Estado español 1,4 millóns de persoas foron atinxidas por cortes de luz en 2012. Face o incremento do custe do recibo, o Partido Popular rexeita adoptar medidas que garantan calefacción e auga quente entre as familias que non poidan pagar a electricidade. 

luz

O Partido popular rexeitou, máis unha vez, a Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo BNG que demandaba medidas para "garantir a subministración enerxética" a aquelas familias que non poidan facer fronte ao recibo da luz. Aliás, instan o goberno galego a exercer presión para que o executivo do Estado "non incremente o recibo da luz para o 2014". 

E é que a proposta d@s nacionalistas visa mudar unha realidade social que leva a milleir@s de cidadás a dedicar o groso dos seus ingresos ao pagamento de facturas véndose en non poucos casos na obriga de suspenderen o pagamento. Neste senso, a PNL defendida pola voceira de industria da organización frontista, Carme Adán, defendeu a modificación do "marco xurídico" para que "quen non poida pagar teña luz e calefacción", nomeadamente no inverno. Unha decisión que xa foi adoptada noutros territorios como Catalunya ou Andalucía. 

No noso país a pobreza atinxe xa a 650.000 persoas. De entre elas, 120.000 en situación extrema. Acotío, un maior número de fogares (93.000 en 2012) teñen todos os seus membros no desemprego e non contan con ningunha axuda. Perante esta situación son moitas as persoas (6 de cada 10 familias segundo o INE no Estado español) que chegan con dificultades a fin de mes. 

Galiza conta con 120.000 persoas en situación de pobreza extrema e máis de 90.000 fogares sen ingresos

Porén, o partido que apoia o goberno --o PP-- rexeitou, máis unha vez, adoptar medida algunha para evitar as consecuencias dos cortes na electricidade. "O único obxectivo político" ao que responde a actitude d@s populares, afirman desde o PSdeG-PSOE, para non asumir un investimento público, que suporía "unha minucia financeira", é "deixar claro que mandan" eles. 

Mais desde o PP din que "o goberno é moi sensíbel neste tema" polo que "adoptará as medidas que están ao noso alcance" porque, subliñan, "nós tamén temos corazón, aínda que non o crean". 

Malia todo. O voto d@s populares foi negativo. Unha decisión que deixará sen luz eléctrica a milleiros de familias. 

Comentarios