VENCE DI QUE CO SEU MARCO ESPECíFICO @S VASC@S AFORRARáN 2.000 MILLóNS € AO ANO

A Xunta nega a tarifa eléctrica galega despois de Euskadi obter vantaxes de Madrid

A proposta de Galiza ter unha tarifa eléctrica propia -unha reivindicación histórica do nacionalismo- está a marcar a axenda. Este domingo, o director xeral de Industria, Bernardo Tahoces, descualificouna. "É simplista", dixo. Faino despois de a pasada sexta feira o Goberno do Estado aprobar un decreto que beneficiará a industria vasca ao rebaixar o seu recibo eléctrico.

manifestación de alcoa

A actual regulación do sistema eléctrico discrimina negativamente a Galiza porque non a compensa pola deterioración do seu meio ambiente e non contempla a súa condición de potencia exportadora. O BNG leva décadas a demandar unha tarifa eléctrica propia. A pasada quinta feira, unha proposición non de lei nese sentido defendida pola deputada Carme Adán na comisión de Industria do Parlamento galego obtivo o apoio de toda a oposición, mais foi votada en contra polo PP.

O domingo, o goberno galego falou por boca do director xeral de Industria, quen se pronunciou a este respeito no programa El Coruñés Opina, de Radio Coruña. Descualificou abertamente a proposta. Chamouna simplista. Argumentou, aliás, que unha tarifa galega sería paga por todos os contribuíntes do Estado (como acontece, por outra banda, cos sobrecustos de levar a electricidade ás Illas Canarias ou as primas do carbón que prexudican ás centrais galegas). Tahoces veu dicer que hoxe o prioritario é "salvar a fábrica de Alcoa na Coruña" e que logo "xa haberá tempo para redeseñar o sistema que rexe actualmente o sector enerxético".

A tarifa eléctrica galega era unha das propostas estrela da ILP que a CIG rexistou no seu día no Parlamento para a reactivación da economía galega

Mais ese redeseño xa está en marcha e estase a formalizar non precisamente en favor dos intereses galegos. A pasada sexta feira, o Goberno do Estado aprobou o Real Decreto para o financiamento do déficit da tarifa eléctrica para os exercios 2013 e 2014, unha norma que estabelece unha nova categoría nas peaxes eléctricas (o que se paga por acceder á rede), de entre 30 e 36 kilovoltios.

Non é un decreto con efeitos neutros, senón que, como o propio ministro de Industria afirmou, "isto vai afectar en sentido positivo a industrias do País Vasco". Con efeito, a norma vai rebaixar o recibo ás factorías vascas. As estimacións son que as empresas beneficiarias terán un desconto do 15% no termo de potencia e outro do 12,3% no termo de enerxía. Euskadi é o territorio no que se concentra o maior número de liñas de media tensión entre os 30 e os 36 kilovoltios.

Este decreto chega despois dunha negociación política no Congreso dos Deputados entre os grupos parlamentares popular e do PNV e que se vai sustanciar no apoio da formación nacionalista vasca á reforma da lei eléctrica.

Quen pagará a factura?

Segundo os propios cálculos de Industria, a rebaixa do recibo eléctrico atinxirá a 1.975 consumidores, a maior parte deles localizados en Euskadi. E quen pagará a factura? O Goberno do Estado admite que o custo -o aforro que obteñan as industrias- se vai repercutir na tarifa que soportan o resto dos consumidores, algo que xa levantou as críticas da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.

A tarifa eléctrica galega era unha das propostas estrela da ILP que a CIG rexistou no seu día no Parlamento para a reactivación da economía galega. De se levar adiante, o aforro para as empresas galegas situaríase no 30%, que é máis menos o que irán obter agora as factorías vascas.

O BNG vai levar este asunto a debate aos concellos e, en concreto, o grupo municipal frentista en Lugo proporá no próximo pleno que se demande unha tarifa eléctrica galega que vaia na liña da aprobada polo Estado para Euskadi.

En todo caso, o debate está sobre a mesa. O presidente da Confederación de Empresarios de Galiza, José Manuel Fernández Alvariño, segundo informa Europa Press, declinou pronunciarse a prol ou en contra da tarifa eléctrica galega: "Do que son partidario é de que as tarifas sexan verdadeiramente competitivas e, a partir daí, cada un que formule as súas fórmulas para se adecuar á produción".

Conferencia de imprensa de Vence

Boa proba do carácter estratéxico que o BNG lle dá ao debate sobre a enerxía eléctrica é que Xavier Vence ofereceu esta segunda feira unha conferencia de imprensa monográfica sobre o asunto.

Na súa comparecencia, Vence atacou Feijóo e perguntouse por que a Xunta segue "impasíbel" ante a política de Rajoy a favor "dos oligopolios eléctricos" mentres, por contra, Euskadi consegue un acordo con Madrid que lle permitirá aforrar custos enerxéticos por valor, estimou, de 2.000 millóns de euros ao ano.

“É de xustiza que Galiza, familias e empresas, se beneficien de ser un país exportador do 40% da enerxía eléctrica que producimos. Se aplicamos a tarifa eléctrica en función dos custes poderiamos ter un prezo un 35% máis barato, e non é nada extraordinario porque simplemente nos permitiría unha tarifa como a media europea”, argumentou Vence.

O que propón o BNG é unha tarifa eléctrica para Galiza en que se desconten os custos de transporte -desnecesarios porque o país é excedentario en produción, é aquí onde se produce, non ten que vir de fóra. Argüe o BNG que tamén se deberían descontar os custos que se imputan á factura decorrentes da perda de enerxía derivada do transporte. Destarte, o recibo eléctrico para Galiza se había reducir entre o 30 e o 35%.

Comentarios