A Xunta e Ence estreitan lazos en precampaña cun convenio

A pasteira é un exemplo das "portas xiratorias".
ence 2

A fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra) contratará 16 novas e novos titulados en Formación Profesional, que traballarán durante un ano na compañía grazas a un novo convenio de colaboración asinado entre a empresa pasteira e a Xunta da Galiza cando queda menos dun mes para as eleccións do 12-X.

O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a candidata número 1 do Partido Popular pola Coruña e actual conselleira de Medio Ambiente, María Ángeles Vázquez, presentaron onte o novo convenio co director territorial de Ence, Antonio Casal, afirmando que se trata dunha medida "para contribuír a paliar a crise económica derivada da  COVID-19".

Mercadotecnia de Ence

Tanto a empresa como o Partido Popular defenden a permanencia do complexo da pasteira na ría de Pontevedra e a compañía desenvolve unha intensa campaña de publicidade para asociar a marca Ence á protección do medio e á creación de emprego.

O movemento veciñal, como a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, leva anos criticando a destrución de postos de traballo que provoca Ence de maneira directa, na propia fábrica, a través de despedimentos; como indirecta, no marisqueo, no turismo e nos montes; e mesmo a destrución de emprego "inducida", ao impedir Ence coa súa presenza que se instalen empresas limpas na comarca. Ademais, o ecoloxismo denuncia o esmorecemento do rural que provoca a eucaliptización do país co obxectivo de abastecer a pasteira. 

Portas xiratorias

Ence é un exemplo de portas xiratorias que estende a polución sobre á ría ás institucións democráticas, cuestión que salta á vista tan só ao ollar para o Consello de Administración da empresa, onde sentan desde unha ex ministra de Medio Ambiente con José María Aznar, a popular Isabel Tocino, ou un antigo conselleiro do mesmo ramo na Xunta da Galiza de Manuel Fraga, Carlos del Álamo.

Comentarios