O PP FíA TODO á REFORMA FISCAL E A UNHA HIPOTéTICA RECUPERACIóN DA DEMANDA INTERNA

A Xunta eleva o orzamento por vez primeira desde 2009 e prevé un aumento do 2% do PIB

Pode a economía galega dar un poderoso chimpo en 2015? Pode aumentar o seu PIB un 2%? Pode facelo cando se teme un estancamento en toda a UE? Feijóo acredita que si.

orzamentos
photo_camera Elena Muñoz, con Feijóo en segundo plano. Foto: Xunta.es

Se se incrementa o PIB en 2015 o 2% non será polo impulso que se lle dea á economía desde o sector público. De facto, e de acordo co proxecto de orzamentos 2015 aprobado esta sexta feira no Consello da Xunta, as contas públicas galegas só se incrementarán o 0,5%, até totalizar os 8.436 millóns de euros. É un aumento testemuñal e, por si só, incapaz de xerar ese 2% de incremento do PIB que calcula o Goberno galego. Iso si, con estes valores, a Xunta eleva o seu orzamento por vez primeira desde 2009.

As grandes cifras do orzamento son sinteticamente as seguintes. 8.436 millóns de euros de gasto. Un déficit público do 0,7% (menos do que en 2014, ergo continúa a política de restrición austericida). Un aumento do PIB do 2% (face a previsión inicial, logo corrixida, do 1,2% para 2014). Unha taxa de paro do 20,1%.

Reaccións desde a oposición

“Non servirán [os orzamentos] para estimular os sectores produtivos ou para xerar emprego”, valorizou as contas, nunha primeira leitura de urxencia, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence. Tamén as criticou o secretario xeral do PsdeG-PSOE, José Ramón Besteiro, para quen teiman en receitas -a austeridade- que “xa hai moi poucos políticos que defenden”.

O contexto -co estancamento das economías centrais da UE e a parálise/colapso da periferia- convida a todo menos á euforia

A grande aposta dos orzamentos é a do aumento do PIB. Cumpre ter en conta que o goberno galego revisou recentemente á baixa a súa previsión para 2014, do 1,2% ao 0,9%, froito das tendencias recesivas que voltan a caracterizar a economía en todo o espazo da UE. Que explica entón o optimismo gobernamental, alén do inevitábel trunfalismo pre-eleitoral?

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, atribúe este pequeno milagro económico aos efeitos que irían decorrer dunha reforma fiscal que, explicou, deixará máis diñeiro nos petos das cidadás e permitirá a reactivación do consumo interno.

2015 é un ano duplamente eleitoral -municipais en maio, xerais no último trimestre do exercicio-, así que o optimismo gubernamental -e a relaxación fiscal- é practicamente unha retórica obrigada, embora o contexto -co estancamento das economías centrais da UE e a parálise/colapso da periferia- convida a todo menos á euforia. 

Comentarios