A Xunta deixa en mans do Santander a educación financeira das mozas galegas

A Consellaría de Educación aposta por unha entidade privada para achegar o alumnado de ESO e Bacharelato conceptos como o consumo responsábel, o aforro ou os tipos de financiamento.
instituto de soutomaior
photo_camera Alumnas nun instituto de Soutomaior. [Imaxe: Xunta]

Fechan oficinas pero o Banco Santander cada vez ten máis pegada na Galiza. Un exemplo é o programa Finanzas para mortais, promovido pola entidade que preside Ana Botín e a Universidade de Cantabria, que a Xunta levará a 42 centros educativos a través de Eduemprende, a súa iniciativa para fomentar o espírito emprendedor no sistema educativo.

Será pois unha entidade privada e non o Banco de España e a CNMV, que desenvolven conxuntamente o programa de educación financeira Finanzas para todos (e non para mortais), a encargada de achegar a perto de 1.400 alumnas de 3º e 4º de ESO e de 1º e 2º de Bacharelato conceptos como o significado dos cartos, o consumo e o aforro responsable, a renda variábel, os créditos e empréstitos, o cambio de moeda, o emprego de tarxetas no estranxeiro, os impostos, a débeda pública, a xubilación, os tipos de financiación, a cotización á Seguridade Social ou as diferenzas entre persoa física ou xurídica, entre outras.

O Santander, que aínda ten pendente de concluír o plan de peches de oficinas na Galiza e as reclamacións pola dilución do valor dos títulos do Popular no proceso de integración, entre outros asuntos, contará con 43 alumnas voluntarias do ciclo de FP superior de Administración e Finanzas e persoal do propio banco para impartir a formación. A actuación forma parte do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo, Eduemprende.

Comentarios