Orzamentos da Xunta

A Xunta compromete entre 80 e 90 millóns para subir o soldo ao funcionariado

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, fixa a garantía mínima de subida en 2,2% a partir do 1 de xaneiro.
  O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez reúnese con responsables das organizacións sindicais para avanzar os Orzamentos de 2020.
photo_camera [Imaxe: Xunta] O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez reúnese con responsables das organizacións sindicais para avanzar os Orzamentos de 2020.

O Executivo da Xunta está xa a traballar na confección dos orzamentos de 2020. Esta terza feira, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, anunciou que para a suba salarial das funcionarias e funcionarios públicos o Goberno galego ten consignada unha partida de entre 80 e 90 millóns de euros, coa “garantía mínima” dun incremento do 2,2%.

Esta nova suba será efectiva a partir do 1 de xaneiro “cando se teña a habilitación do Estado”, apuntou. Amais, haberá que sumar outros incrementos como a reanudación da carreira profesional no Sergas, o acordo salarial con docentes e persoal de Xustiza, así como outros específicos.

Tras a súa reunión con representantes da patronal e dos sindicatos para expoñerlles as liñas mestras dos orzamentos, o conselleiro valorou a actual situación económica e emprazou a “non tolear” ante a desaceleración, pero sendo conscientes “do que temos entre as mans”.

Contas optimistas e grandilocuentes

Pola súa banda, os sindicatos consideran algunhas das cifras adiantadas polo conselleiro, como é o caso do aumento do teito de gasto en 310 millóns, como partidas “propagandísticas con fins puramente electoralistas”.

A secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, cre que, á marxe de consideracións “optimistas e grandilocuentes” por parte da Consellaría, os indicadores evidencian que Galiza está hoxe peor que en 2008 como consecuencia da “inacción do Goberno galego, máis preocupado en aparentar unha posición crítica que por exercer as súas competencias.   

Méndez afirmou que para a CIG “son necesarios uns orzamentos que recollan medidas para crear emprego digno, para potenciar os nosos sectores produtivos, para fixar poboación no rural, para eliminar desigualdades sociais, ou para frear a sangría da emigración”. Medidas que, lembrou, vén ofrecendo a central sindical, desde hai anos, sen que fosen escoitadas porque “este Goberno non quere saber nada de medidas reais para o desenvolvemento de Galiza, só buscan aparentar esa realidade paralela na que viven, mentres galegas e galegos sofren as consecuencias das súas nefastas políticas”.

A suba non chega

No que atinxe á proposta de subida salarial, a secretaria de Organización da CIG aclara que é “unha débeda” cos traballadores que “nin sequera chega a acabar de devolver todo o que perderon nos anos da crise”. “Nin de lonxe palía a enorme perda de poder adquisitivo dos empregados públicos”, matiza. “Aínda a día de hoxe hai acordos retributivos que se firmaron en 2008 que seguen sen cumprirse”, afea Méndez, xa que “seguen en vigor” recortes de xornada e días libres.

Pola súa banda, Maica Bouza, considera que Valeriano Martínez “máis aló de grandes declaracións non acaba de concretar ningunha medida”. Neste senso pide máis recursos para dependentes e a Risga e tamén “para que o emprego e os galegos non sintan outra vez o impacto da crise”.

Bouza coincide con Olga Crespo, economista da UGT, en criticar que a Xunta nunca leva documentación neste tipo de reunións. Crespo considera que os orzamentos deben ser “máis intensivos” en medidas para o emprego e preocúpalle que non se actúe ante a crise industrial, o envellecemento e a perda de 70.000 persoas activas na última década.

Comentarios