A Xunta ‘coloca’ a directivos de empresas privadas como funcionarios

A CIG denuncia que só na 'Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza' a administración vai gastar 144.664 euros ao ano en tres directivos do sector privado, “sen contar as retribucións variábeis que poden chegar ata o 14% das fixas”.

Consello da Xunta de Galiza
photo_camera Consello da Xunta de Galiza

A Xunta activou o seu plan para ‘importar’ directivos da empresa privada e ‘colocalos’ como funcionarios de nivel A na administración autonómica. Así o denuncian desde a CIG, que afirma que “é a primeira vez na historia” que se colocan a persoas dos sector privado como funcionarios. O que supón, lembran, non só un insulto ao persoal público, senón un sobre-custo e facer máis gastos.

E este modelo do goberno de Núñez Feijóo xa deu o primeiro paso, indican desde a central nacionalista: Só na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galiza (AMTEGA) a Xunta vai gastar 144.664,53 euros ao ano nos tres directivos (da empresa privada e colocados como funcionarios, di a CIG)- Isto sen contar as retribucións variábeis que poden chegar ata o 14% das fixas.

“Encher a Xunta de persoas afíns”

“É intención da Xunta encher de persoas afíns e procedentes da empresa privada esta administración sen reparar en gastos, nun momento en que os recortes aos empregados públicos son notorios e o discurso da austeridade da Xunta é a mentira oficial deste goberno”.

Comentarios