domingo 17/01/21

A Xunta beneficiouse de 75 herdanzas sen testamento nos últimos dez anos

O Executivo galego ingresou máis de 200.000 euros por sete liquidacións desde o ano 2010
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda (Foto: Xunta da Galiza)
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda (Foto: Xunta da Galiza)

Con relativa frecuencia aparece publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) o inicio dalgún procedemento para declarar a Xunta como herdeira ab intestato, é dicir, por non ter a persoa testamento nin herdeiros legais que se fagan cargo do seu legado. O último, o dun veciño de Outeiro de Rei de 83 anos, cuxa resolución saíu publicada o pasado 9 de decembro.

Este caso súmase a outros 74 iniciados na Galiza nos dez últimos anos, tempo no que a Xunta ingresou algo máis de 200.000 euros polas liquidacións de sete delas. 

O cobro da herdanza non é inmediato, xa que se trata dun procedemento longo no que, en moitos dos casos, adoitan aparecer herdeiros. Só na conxuntura de que non haxa quen herde é cando as administracións reciben os bens legados, que se destinan normalmente a fins asistenciais e culturais.

Neste tipo de herdanzas, a norma fixa tres fases. A primeira delas, de actuacións previas, é na que se investiga se a persoa falecida ten ou non herdeiros legais ou testamentarios.

Nos últimos tres anos abríronse 143 investigacións, segundo informa a Consellaría de Facenda: 77 en 2018 e 44 en 2019, que se suman ás 32 iniciadas até o momento en 2020. 

O departamento que dirixe Valeriano Martínez aclara que "moitas das investigacións iniciadas nun determinado ano non pasarán á fase de declaración de herdeiros, posto que a Administración adoita atopar herdeiros preferentes".

A segunda etapa, a de procedemento para a declaración administrativa de herdeiros, é a que arrinca se a Administración comproba a priori que aparentemente a persoa falecida non ten herdeiros. Nese caso, previa publicación no DOG, no Boletín Oficial do Estado (BOE) e na propia web da Consellaría, iníciase o procedemento para declarar oficialmente herdeira a Xunta.

Desde o ano 2010, pasaron por este proceso 75 legados. Galiza foi declarada herdeira de seis persoas falecidas en 2010,  sete en 2011, 19 en 2012, sete en 2013, oito en 2014, nove en 2015, catro en 2016, tres en 2017, seis en 2018, tres en 2019 e outras tres no que levamos do presente ano. 

A última parte do proceso sería a fase de liquidación da herdanza, na que a Xunta liquida o patrimonio para destinalo a fins asistenciais ou culturais, cumprindo así co estabelecido na lei de dereito civil da Galiza.

Desde Facenda insisten en que os tres procesos, transversais no tempo, poden dilatarse varios anos. Proba diso é que só se liquidasen sete legados, polos que a Xunta ingresou 212.954,85 euros. A última liquidación data de 2018.

Presunción de abandono

Mais esta non é a única vía pola que a Xunta incrementa o seu patrimonio grazas ás contribucións por herdanzas, xa que tamén hai persoas que legan directamente os seus bens ás administracións públicas. E logo están os bens en presunción de abandono.  

"Intúo que as herdanzas sen testamento non son moitas, é máis, creo que a Administración herda máis pola adxudicación de valores, contas correntes etcétera, en presunción de abandono, isto é, cando pasaron máis de 20 anos sen practicarse xestión ningunha", destaca o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Alberto Vaquero.

Vaquero, membro do Foro Económico da Galiza, alude a este tipo de herdanza "silenciosa", que estima que é máis habitual que o caso das intestadas. En canto ao perfil do falecido sen testamento e sen sucesores, e o tipo de patrimonio máis habitual, apunta, non hai estatística "que mostre tanto detalle".

Desde o Consello Xeral do Notariado explican que, no caso de non deixar testamento, é a lei a que determina os herdeiros a quen corresponde a herdanza seguindo a orde de parentesco até o cuarto grao de consanguinidade. 

Neste senso, lembran que as persoas que se consideren herdeiras dun familiar que non deixase testamento deberán acudir a un notario competente para facer a declaración de herdeiros ab intestato. Basicamente serán competentes os notarios do lugar en que tivese o falecido a súa residencia habitual, de onde tivese a maior parte do seu patrimonio, de onde falecese ou dun distrito lindeiro a todos eles, engaden desde o órgano notarial.

comentarios