A Xunta baixará a peaxe dalgúns tramos das súas autoestradas

A Consellaría de Infraestruturas anunciou, para o inicio de 2021, a rebaixa no prezo en parte da rede viaria de pago da súa competencia.  
Imaxe dunha peaxe (Xunta da Galiza)
photo_camera Imaxe dunha peaxe (Foto: Xunta da Galiza)

O prezo das peaxes en varios tramos das autoestradas autonómicas galegas baixará co inicio do novo ano e manterase sen cambios o resto en 2021, segundo informou a Consellaría de Infraestruturas nun comunicado. A partir do vindeiro día 1 de xaneiro, os prezos da vía que une Vigo e Baiona, a AG-57, seguirán sendo os mesmos que na actualidade para os vehículos lixeiros, excepto no tramo A Ramallosa-Baiona, que baixa cinco céntimos.

No caso dos vehículos pesados de tipo 1, reduciranse cinco céntimos as peaxes dos tramos Vigo-A Ramallosa e Vigo-Baiona. E para os de tipo 2, aplicaranse rebaixas de cinco céntimos en sete dos 11 centros da estrada. Naqueles tramos nos que non descendan, permanecerán como até o de agora.

Para a autoestrada que une A Coruña-Carballo (AG-55), os prezos manteranse en todos os tramos para os vehículos lixeiros. Tamén será así para os pesados de tipo 1, excepto no tramo Paiosaco-A Laracha, que baixa cinco céntimos. Redúcense, daquela, cinco céntimos os prezos dos cinco tramos da autoestrada para os vehículos pesados de tipo 2, mentres que o resto seguirá como até o de agora.

Durante o ano 2021, a Xunta destacou que seguirá aplicando o réxime de bonificacións de peaxe que se realiza para usuarias e usuarios frecuentes, que realizan a viaxe de ida e volta no mesmo día, como para os que fan o traxecto en horario nocturno. 

Bonificacións e descontos continuarán en 2021

A Xunta bonifica, desde o ano 2010, as viaxes de usuarias e usuarios habituais que empreguen a telepeaxe das dúas autoestradas de titularidade autonómica. Os días hábiles bonifícase en 25% o importe da viaxe de volta realizada no mesmo día que a ida, e 50% da segunda viaxe de volta e posteriores sempre que se fagan tamén no mesmo día.

En outubro de 2019 sumáronse os descontos de 50% ás viaxes realizadas en horario nocturno, aqueles que se realicen entre as 0.00 e as 6.00 horas.

En ambos os casos o importe desas bonificacións descóntaselle á cidadanía e asúmeo a Xunta, repercutindo o aforro directamente nos que empreguen estas autoestradas. Ademais, para o próximo ano, a Xunta empezará a aplicar unha nova bonificación, neste caso para familias numerosas.

Comentarios