A Xunta aproba un teito de gasto de 10.160 millóns para 2020

Prevé que o paro baixe a 10% a finais dese ano. Actualizou a previsión de crecemento do PIB para este 2019 á baixa, pasando de 2,5% previsto inicialmente a 2%

xunta
photo_camera Consello da Xunta

O Goberno galego aprobou o teito de gasto non financeiro para o exercicio de 2020, que eleva a 10.160 millóns de euros --superando por primeira vez o teito de gasto a barreira dos 10.000 millóns--, o que supón aumentar a capacidade de gasto en 311 millóns (3,1%) en relación ao orzamento en vigor.

Porén, a Xunta, "por prudencia", e perante a "inestabilidade" do escenario estatal e debido ao comportamento do sector exterior, actualizou a previsión de crecemento do PIB para este 2019 á baixa, pasando de 2,5% previsto inicialmente a 2%. Para 2019, a previsión é que a economía galega medre 1,9%.

En canto á taxa de paro, a Xunta actualízaa tamén para o exercicio en vigor e contempla que baixe de 12,7% fixado inicialmente a 11,4%. A finais de 2020, a previsión é que ande en 10%, de acordo co establecido polo Plan Estratéxico 2015-2020.

Após a aprobación no Consello, o teito de gasto será remitido ao Parlamento para a súa ratificación por parte do pleno da Cámara. Este trámite fixouno por primeira vez a Lei de disciplina orzamentaria impulsada en 2011, cando Marta Fernández Currás ocupaba a Consellería de Facenda.

Comentarios