A Xunta e o Adif hipotecan o futuro do porto seco de Monforte

A exclusión do Corredor Atlántico de mercadorías condena o proxecto intermodal.
x-default

Oanuncio da chegada do AVE a Galiza supuxo unha revolución socioeconómica para o país. Aínda que as datas da posta en servizo da infraestrutura non están claras, cidades como Vigo, Ourense ou Santiago teñen as súas novas estacións intermodais na lista de proxectos de maior envergadura na actualidade. Pero hai xa 20 anos que se comezou a falar de intermodalidade. Foi nunha visita do entón presidente do Goberno español, Xosé María Aznar, a Monforte para anunciar un proxecto que ía supoñer unha revolución socioeconómica na comarca de Lemos: a plataforma loxística intermodal de mercadorías, máis coñecida como porto seco.

En 2014, a Xunta inaugurou oficialmente a primeira fase. Son 53.993 metros cadrados de solo empresarial nos que o Instituto Galego de Vivenda e Solo investiu preto de 20 millóns de euros e nos que a día de hoxe non hai ningunha empresa implantada. E non é porque non haxa interese, xa que dúas firmas, unha de achas de biomasa e outra de taboleiros, chegaron a iniciar os trámites, pero o feito de que non estivese rematada a urbanización, carecese de accesos e mesmo de saneamento, problema este último xa resolto, fíxolles mudar de parecer.

A promoción das parcelas foi unha cuestión que mantén enfrentados ao Concello de Monforte e á Xunta. O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) incluíu o porto seco no seu programa de abaratamento de custos para a compra de parcelas, con descontos de até 50%. O departamento dependente da Consellería de Infraestruturas reclamaba do Concello as mesmas facilidades, por exemplo cunha rebaixa de impostos para facilitar a implantación. Tamén incluía á Deputación de Lugo entre as institucións que podían facer achegas para tratar de darlle vida ás instalacións.

Pendentes dos accesos 

Pero os accesos son, con diferenza, o punto máis feble desta infraestrutura, e sen unha boa conectividade, pouco máis se pode facer. A partida de 750.000 euros para construír o quilómetro escaso que resta para conectar o porto seco coa N-120 leva tres exercicios seguidos figurando nos orzamentos da Xunta. Esa cantidade ás penas representa 15% do total do investimento, que a propia Administración cifra en 4,75 millóns de euros.

Unha das escusas esgrimidas polo Goberno galego para non executar esa partida de gasto era que fomento estaba a traballar no desdobramento da N-120. Finalmente será a Xunta quen execute esta actuación. De feito, o pasado 13 de xaneiro, o Goberno galego anunciou a licitación por 24,6 millóns do desdobramento do corredor entre Monforte e Lugo, pero lonxe de facelo na capital da comarca e no treito que máis pode beneficiar á posta en marcha do porto seco, apostou en comezar polo treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria.

Con todo, independentemente de que se faga o desdobramento ou non, o enlace estivo a punto de ser unha realidade, pero foi o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) quen negou o permiso á Axencia Galega de Infraestruturas, á que poñía como condición a supresión dun paso a nivel sen barreiras na zona do que xa lle advertira en 2018. A Xunta, pola súa banda, considera que debería ser a Confederación Hidrográfica Miño Sil quen asuma a supresión de dito paso pola presencia dunha canle de regadío do Val de Lemos. Namentres, o polígono segue sen o enlace que condiciona a súa operatividade

Outra das carencias do porto seco de Monforte, situado á beira das vías do tren, é un peirao de carga intermodal para realizar os intercambios de mercadorías de ferrocarril a camión. Nos proxecto estaba contemplada esta dársena de 130 metros, pero de momento non logrou dar o salto do plano á realidade. Ante esta situación, o alcalde da vila monfortina, Xosé Tomé, non albisca un futuro moi prometedor para o polígono. "Ningún empresario vaise instalar nun porto seco que non dispón de accesos por estrada nin ten un operador que o xestione", recoñecía hai uns meses. 

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario ou na súa lectura na nube.

Comentarios