A Xunta activa a "insuficiente" liña de axudas para a hostalaría

A orde de subvencións para as microempresas, as autónomas e o sector hostaleiro publicouse esta sexta feira no Diario Oficial da Galiza (DOG).
O ocio nocturno terá os mesmos dereitos que a hostalaría
photo_camera O ocio nocturno terá os mesmos dereitos que a hostalaría. (Foto: Europa Press)

O Diario Oficial da Galiza publicou hoxe a orde de axudas para microempresas, autónomos a cargo e hostalaría que faltaba por activar, que forma parte do plan global de rescate de 84 millóns de euros para estes colectivos, e que poderán solicitarse desde mañá e até o vindeiro 28 de decembro.

Esta liña vense sumar á dirixida a persoas autónomas con ou sen empregados, aprobada a semana pasada e con axudas de entre 1.200 e 2.000 euros, para a que xa se presentaron máis de 17.000 solicitudes. Ambas as dúas son compatíbeis.

As contías desta nova axuda, segundo a Xunta, irán desde os 4.000 aos 5.000 euros e para acceder a elas hai que ter un ERTE autorizado pola Covid-19 desde a declaración do estado de alarma e achegar perdas de polo menos 45% como consecuencia da pandemia. A cambio, as persoas titulares dos negocios deberán comprometerse a manter o emprego seis meses.

A liña contén un capítulo específico para os estabelecementos hostaleiros fechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro da que se beneficiarán as persoas traballadoras autónomas ─con ou sen persoal a cargo─, microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de 15 días nos últimos meses.

Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectos polos feches perimetrais.

No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade, desde outubro. Se teñen dez ou máis traballadores, percibirán 2.000 euros por feche, ou a parte proporcional en ambos os casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior aos 15 días.

Estas medidas, que deixan fóra os estabelecementos que serven cafés ou comidas para levar, non convencen o colectivo, que as cualifica de "insuficientes".

Desde a Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, o seu presidente, Cheché Real, insistiu en que "nós non somos os causantes dos contaxios senón máis ben todo o contrario, porque nos nosos locais hai un control absoluto das pautas e protocolos a seguir e non nese tipo de reunións que se suceden cando a hostalaría está fechada", denunciou.

Comentarios