O Executivo galego confía en ter resoltas todas as solicitudes o vindeiro mes de xaneiro

A Xunta achega menos dun euro de cada cinco nas axudas ao colectivo autónomo

A tardanza da Xunta á hora de artellar axudas directas para os colectivos máis afectados pola crise e a falta de atractivo das liñas de financiamento para sectores xa endebedados fan que a contribución do Executivo galego no rescate ás autónomas non chegue a representar a metade que a do Estado español.
A hostalaría é un dos sectores máis afectados pola lentitude da Xunta en aprobar axudas directas para traballadores autónomos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera A hostalaría é un dos sectores máis afectados pola lentitude da Xunta en aprobar axudas directas para traballadores autónomos. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Tarde, mal e escasas. Así resumen as axudas da Xunta a meirande parte dos colectivos de traballadoras e traballadores autónomos da Galiza. O Executivo galego foi o que máis tardou no Estado á hora de pór sobre a mesa axudas directas a sectores como o da hostalaría ou o turismo, os máis afectados pola crise económica derivada da Covid-19, e achega un monto total que dista de solucionar os problemas de liquidez que arrastran polo fechamento dos seus negocios. 

Ao contrario do resto de territorios, o Goberno de Núñez Feixóo limitouse nun primeiro momento a ofrecer liñas de financiamento sen intereses, pero a incerteza sobre a evolución da pandemia e a difícil situación económica que arrastraban algúns destes negocios da anterior crise económica fixeron que moitos desbotasen a posibilidade de endebedarse aínda máis para manter o negocio a flote. 

Boa proba da escasa eficacia das medidas postas en marcha pola Consellaría de Economía que dirixe Francisco Conde son os resultados dun estudo realizado pola Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), que revela como 82% das axudas concedidas a traballadoras e traballadores autónomos galegos en 2020 correspóndese coas de cesamento de actividade lanzadas polo Goberno estatal, mentres que 18% restante provén da Xunta, é dicir, menos de un euro de cada cinco que recibiron. 

Este é o resultado dunha sondaxe realizada durante o mes de decembro por esta entidade, que apunta que as autónomas e os autónomos galegos que recibiron algún tipo de subvención durante a crise do coronavirus son 58% do total, polo que case a metade está á espera dalgún tipo de prestación. 

A falla destas axudas leva, en moitos dos casos, a que os problemas económicos superen o ámbito laboral, xa que estes traballadores e traballadoras tamén teñen que cumprir coas súas obrigas persoais e familiares, entre as que se atopan o pago da vivenda, os gastos de alimentación ou os vencellados ao coidado de crianzas, aqueles que as teñan. 

A caída da facturación entre o colectivo dá mostras das dificultades que pasan. Segundo o estudo, 45% das persoas enquisadas recoñece que a súa facturación no presente exercicio descendeu máis da metade con respecto aos datos de 2019 e 88% sitúana por debaixo de 20.000 euros.

Datos para a esperanza

Con todo, tamén hai datos que celebrar. Neste senso, Agtamar sinala como "un dos aspectos positivos" de 2020 a alta adaptación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) nas actividades económicas. De feito, se o ano pasado 24% das autónomas e dos autónomos empregaban as redes como canles de comercialización, a porcentaxe ascendeu até 55%.

Desde o Executivo galego, a conselleira de Emprego e  Igualdade, María Xesús Lorenzana, afirmou a comezos desta semana que das 40.00o solicitudes de axudas vinculadas ao plan de rescate de autónomos, microempresas e estabelecementos hostaleiros postos en marcha pola Xunta para paliar os efectos da Covid-19, xa se tiñan tramitadas antes do Nadal 40%, unha cifra que o presidente Núñez Feixoo elevou a 68,3%, após a reunión do Consello da Xunta de hoxe.

Tamén apuntou que 16% das 40.147 solicitudes recibidas (o prazo rematou a pasada segunda feira) foron denegadas por non estaren ao corrente coa Seguridade Social, un requisito que, segundo os colectivos, poderían ter cumprido se, como no caso doutros territorios, a Xunta cubrise as cotizacións con axudas a fondo perdido.

Feixoo confiou en que en xaneiro estivese o proceso de liquidación das mesmas rematadas. Con todo, os 86,2 millóns de euros do plan de rescate non serán suficientes para aliviar a complicada situación pola que pasa este colectivo, como tampouco o son os 17 millóns consignados como partida específica para a hostalaría, lonxe dos 30 que fixaba o sector como necesario, ou dos 45 e 38 millóns que achegaron territorios como Euskadi ou Murcia.

Comentarios