Un xulgado de Pontevedra emite a primeira sentenza contra o cártel dos camións

Iveco, declarada en rebeldía por non se presentar ao xuízo, deberá pagar 40.000 euros a unha empresa de Meis afectada por sobrecustos na venda de tres vehículos.

Camións de transporte (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Comisión Europea sancionou a varios fabricantes de camións por pactar prezos.

O xulgado do Mercantil número un de Pontevedra acaba de emitir a primeira sentenza firme contra unha das empresas implicadas no chamado cártel dos camións. Así, o fabricante deberá pagar 40.000 euros a unha empresa de Meis polo sobrecusto na venda de tres vehículos.

A compañía, que non chegou a presentarse ao xuízo, foi declarada en rebeldía e non recorreu a sentencia polo que, segundo informa o despacho vigués Balms Avogados, que levou o caso, convértese “na primeira sentenza firme no Estado español” contra o cártel dos camións.

O fallo do xulgado recolle que Iveco debe indemnizar con 20.000 euros por danos (9% do valor) e outros 19.240 euros en intereses á compañía de Meis pola venda de tres camións entre 2003 e 2008.  

Pacto de prezos

A Comisión Europea sancionou ás empresas deste cártel por pactar os prezos de venda dos seus vehículos e por repercutir no comprador os custos de cumprir coas normas en materia de emisións contaminantes. Actualmente hai varias sentencias emitidas a este respecto, pero foron recurridas polas empresas afectadas. 

Comentarios