“Xigantes”, nostalxia do poderío naval amputado

Ironías da vida, o Ferrol actual do desemprego crónico acolle desde hoxe o V Congreso Europeo de Turismo Industrial.

navantia-fene-astano-f-goiriz-14-11-2008-013-3

Sen expectativas nin estabilidade a curto prazo, a cidade foi elixida pola Comisión Europea en setembro pasado sede deste evento de carácter bienal no que se dan cita expertos en turismo, xornalistas especializados, operadores, etc. para, segundo o vicepresidente da institución, Antonio Tajani, amosar “a riqueza industrial de Europa” (sic). Na práctica, e na situación na que se atopa hoxe Ferrol, trátase nin máis nin menos de promocionar a decadencia e o desleixo a respeito do sector naval, con perto de 3.000 empregos perdidos na industria auxiliar nos últimos dous anos.  

Coincidindo coa celebración do congreso, a Exposición Permanente da Construción Naval –Exponav- inaugurou onte a mostra “Xigantes”, na que a través de paneis, maquetas e diverso material audiovidual recupérase a historia dos 38 petroleiros que o estaleiro Astano construíu entre 1964 e 1982, unha demostración do poderío perdido por mor das restricións impostas polo Estado e mais a Unión Europea desde comezos dos anos 80.

A exposición, que pode visitarse até o 31 de agosto na sede de Exponav, en Herrerías, faise coincidir co 40ª aniversario dun deles, o máis grande do mundo naquela altura, o “Al-Andalus”,de 363 metros de eslora e un desprazamento de 363.000 toneladas de peso morto.  Para facérmonos unha idea, o buque militar máis grande construído até o de agora nos estaleiros ferroláns, o “Juan Carlos I”, ten unha eslora de 231 metros e un desprazamento de 26.000 Tm. Daquela, en 1974, e até a claudicación do Estado español diante das presións dos países do norte europeu, Astano era un referente mundial no que traballaban máis de 10.000 persoas. Hoxe a penas son 300 e hai xa moitos anos que nas súas gradas non se fai un só barco.

Comentarios