Xesús Seixo: "A contribución da Xunta á loita contra o desemprego é deixar esmorecer os nosos sectores produtivos"

Logo de resultar reelixido --con máis do 90% dos votos-- como Secretario Xeral da CIG, nun Congreso marcado por un elevado nivel de consenso e unidade, debullamos con Xesús Seixo a situación de desemprego, o papel da UE e cal vai ser a resposta do sindicalismo nacionalista e de clase.

Xesús Seixo
photo_camera Xesús Seixo [Imaxe: CIG]

Como valora o VI Congreso da CIG que se realizou a pasada fin de semana?

A valoración é moi positiva porque por parte de todas e todos os que integramos a CIG chegamos á conclusión de que debíamos dedicar os esforzos cara fóra, a combater as moitas políticas antiobreiras que estamos a padecer nestes momentos. Era fundamental nese sentido presentarse cunha posición de unidade e o máis homoxénea posíbel á hora de enfrontar esas políticas e de promover as alternativas, así como as medidas de presión necesarias para as modificar. 

Eu creo ademais que é reflexo do que pasou nos últimos catro anos,onde en xeral todo o que ten a ver co combate da CIG contra a crise e estas políticas antisociais se fixo desde unha grande unidade interna. É significativo e importante ver que a unidade que se acadou para o Congreso confederal non queda reducida a ese ámbito. Nestes momentos todos os procesos comarcais de elección de cargos estanse facendo tamén de maneira moi unitaria, o que é moi positivo para nos centrar no combate de clase.

Na clausura do propio Congreso, no que resultou re-elixido como secretario xeral para os vindeiros catro anos, anunciaba que desenvolverán unha gran campaña contra o desemprego

A creación de emprego en Galiza pasa por facer unhas políticas económicas moi distintas as actuais

Nós cremos que a situación do desemprego en Galiza é moi grave. Está a provocar mesmo que moitas mozas e mozos teñan que emigrar, cos conseguintes prexuízos económicos e sociais para o país. Se iso o unimos ao nivel de cobertura social do desemprego que cada vez é máis baixo namentres o número de parados de longa duración é cada vez máis alto, atopámonos cun verdadeiro drama social. É por iso que entendemos que o tema do emprego debe pasar a un primeiro plano, aínda que xa até agora foi unha reivindicación importante demandando emprego digno na nosa terra, mais cremos que debe ser unha loita diaria e permanente. Neste senso imos promover unha serie de medidas básicas para loitar contra o desemprego, que virían a constituír unha caste de plan galego de emprego, no que se contemplan medidas de tipo fiscal, financeiro ou contractual. 

A creación de emprego en Galiza, que é un problema estrutural desde hai varias décadas, pasa por facer unhas políticas económicas moi distintas ás actuais. Isto non se solventa só  pola vía das denominadas políticas activas, ou coa mellora de formación ou de facer mellor xestión do servizo público de emprego. A creación de emprego virá de decisións políticas e económicas. Con esa idea imos orientar o debate e as propostas e aí ten que aparecer tamén a cuestión competencial e o tema da soberanía.

Moitas desas propostas dirixiranas á Xunta de Galiza. Como xulgan a política de emprego do Goberno galego?

Hai unha destrución moi importante da nosa base produtiva

O certo é que realmente non existen políticas desenvolvidas desde a Xunta para combater o desemprego. As medidas que axudarían a crear emprego, estimulando a economía, non son executadas desde o Goberno galego, que apenas axe de maneira servil cos criterios que ao respecto estabelece o goberno español e a Unión Europea independentemente das nefastas consecuencias que estas teñen para o tecido produtivo galego. Hai unha destrución moi importante da nosa base produtiva, mesmo de sectores estratéxicos para o noso desenvolvemento económico, como a construción naval, a pesca, o agro, e agora ameazas sobre a conserva ou a crise do téxtil. A Xunta non ten alternativas, e a súa contribución á loita contra o desemprego é deixar que esmorezan os nosos sectores produtivos e mesmo de empresas moi emblemáticas. Non asumen, máis unha vez, as súas responsabilidades como Goberno de Galiza.

Para alén de cuestionar as políticas da Xunta, a CIG amósase moi crítica coa Unión Europea e nos relatorios que veñen de aprobar no Congreso mesmo propugnan a saída do euro

A saída do euro permitiría, a través dunha nova política monetaria propia e dun banco central que actúe como tal, recuperar o desenvolvemento económico e mellorar as condicións da clase traballadora

Moitas das políticas que están executado os estados da periferia de Europa, como o caso do Estado español, veñen dirixidas desde institucións europeas  como a Comisión Europea, o Banco Central Europea ou a sección para Europa do Fondo Monetario Internacional. Son políticas centradas na austeridade, no recorte de dereitos, do gasto social e máis do investimento, de recorte da protección social e mesmo tentan desregular e debilitar a negociación colectiva. Ao mesmo tempo promóvese a especulación privada coa débeda pública que está a poñer a moitos estados ao borde da ruína, en situacións difíciles de superar e con custes elevadísimos para a poboación, para beneficiar basicamente á banca e ao capital financeiro. Asemade estamos nunha UE fortemente centralista na que os dereitos das nacións non se recoñecen e que están dirixidas por institucións que foxen de todo control da cidadanía ou dos parlamentos, avanzando cara a un modelo cada vez máis antidemocrático. 

Facemos unha referencia ao tema do euro, por ser precisamente os Estados inseridos na moeda única os que atravesan peores situacións, por mor de renunciaren a ter política monetaria propia, nunha cesión de soberanía moi importante que se agudiza nunha situación de crise coma esta. Na medida en que as políticas que se promoven desde a UE resultan nun maior empobrecemento social, a través da precarización das condicións de traballo e dunha caída importante dos salarios, entendemos que a saída do euro permitiría, a través dunha nova política monetaria propia e dun banco central que actúe como tal, recuperar o desenvolvemento económico e mellorar as condicións da clase traballadora. Cada vez máis voces, mesmo premios nobel, apuntan que ese sería o mellor vieiro para a superación da crise no caso concreto do Estado español.

Facía referencia anteriormente á necesaria capacidade de decisión de Galiza. Que leva á CIG a colocar en primeiro plano a demanda de soberanía nacional?

Se queremos ter capacidade para desenvolver a nosa economía en función dos intereses da clase traballadora é fundamental termos plena soberanía

Se ter capacidade de decisión sempre foi unha cuestión moi importante para o noso país, alén do feito de que nós sempre reivindicamos --como nacionalistas e demócratas-- o dereito á autodeterminación, nun momento coma este marcado por unha enorme concentración do poder económico e político, onde as grandes decisións económicas e sobre políticas sociais e laborais se adoptan en institucións absolutamente antidemocráticas, é fundamental termos institucións nas que resida a soberanía que estean o máis próximas ao pobo e sobre as que o pobo teña capacidade de incidir. Consideramos fundamental que o Parlamento Galego teña plena capacidade de decisión sobre a política fiscal, financeira ou sobre os nosos sectores produtivos. É evidente que se agora tivese capacidade para decidir sobre o naval ou o agro, non estarían sendo utilizados polo Estado e a UE como moeda de cambio para acordos con terceiros países que nos prexudican de maneira gravísima. Se queremos ter capacidade para desenvolver a nosa economía en función dos intereses da clase traballadora, facendo de Galiza unha sociedade realmente democrática, é fundamental termos plena soberanía.

A CIG é arestora a principal organización do movemento nacionalista galego, con máis de 70.000 afiliadas e afiliados e 6.000 delegadas e delegados. Porén, no congreso insistiron moito na necesidade de a reforzar inda máis

Toda a situación de precariedade laboral, de destrución de emprego, de debilitamento da negociación colectiva --que é un instrumento fundamental para que a clase traballadora mellore as súas condicións--, ten que obrigarnos a fortalecer a organización sindical para responder mellor a esta conxuntura. Isto pasa por achegar inda máis o sindicato aos centros de traballo, por alargar a organización sindical neles. Para iso temos un handicap no noso país por mor da atomización do tecido empresarial cun grande número de empresas pequenas. Hai que ter unha maior capacidade de resposta ás problemáticas concretas que se dean nas empresas, e iso exixe tamén mudanzas na metodoloxía de traballo. Temos que mellorar moito no funcionamento estábel dos organismos da propia central, facer un traballo constante de acompañamento das delegadas e delegados que son chave na acción sindical nas empresas ou sistematizar mellor o traballo das propias liberadas e liberados da central. Asemade hai que continuar a facer o que xa viñamos facendo no sentido de que converter calquera conflito de empresa nun problema global nas coordenadas de ofrecer unha resposta o máis ampla e solidaria posíbel, nun marco no que a loita de clases está moi agudizada.

Comentarios