Análise

Xeración en crise

A politóloga e experta en migracións internacionais Luca Chao prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
A calidade de vida ten a ver co material, pero ten moito que ver tamén coa satisfacción e insatisfacción das metas vitais. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A calidade de vida ten a ver co material, pero ten moito que ver tamén coa satisfacción e insatisfacción das metas vitais. (Ilustración: Álex Rozados)

Hai sentenzas que se repiten xeración tras xeración. Ao clásico calquera tempo pasado foi mellor, súmase a asunción acrítica de que cada xeración é peor que a anterior. Por moito que sexa a máis responsabilizada coa igualdade e a mitigación da mudanza climática, hai quen insiste en cualificalos de máis vagos, menos esforzados, sen capacidade de esforzo… A estratexia neoliberal de culpabilizar os máis vulnerables da súa situación non fai máis que ensanchar a fenda entre colectivos e xeracións chamadas a convivir, alén de facer perigar o maltreito contrato social.

Porén, este tipo de discursos son, case sempre, disfraces retóricos de vulgares prexuízos. Neste senso, a análise dos datos resulta unha ferramenta imprescindible para tratar de comprender a realidade oculta tras o ofensivo alcume de xeración de cristal. E, máis aínda, para tratar de responder a algunhas cuestións básicas que emerxen deste debate: Teñen motivos para queixarse? Viven peor do que o fixeron os seus pais? En definitiva, como é a súa calidade de vida?

Trátase este dun concepto complexo, de difícil operacionalización, que inclúe, cando menos, cuestións materiais, referidas, ante todo, ao nivel de ingresos, ao emprego, e á situación socioeconómica; e cuestións subxectivas, emocionais, vinculadas á auto percepción dos propios individuos e mesmo á sensación de saúde. A calidade de vida ten a ver co material, pero ten moito que ver tamén coa satisfacción e insatisfacción das metas vitais. 

1.    A emancipación segue a ser unha cuestión pendente: de acordo cos datos do IGE, a porcentaxe de mozas e mozos de entre 18 e 34 anos que vive cos seus pais aumentou máis de cinco puntos na última década, pasando do 58,93% en 2010 ao 64,10% en 2020. Iso, ao tempo que os prezos da vivenda de alugueiro non deixan de medrar.

2.    O nivel de ingresos dos fogares compostos por persoas menores de 35 anos diminúe. Así, a porcentaxe de fogares con rendas de ata 1.000 euros pasou do 14,96% no 2007, é dicir, antes da crise do 2008, ao 28,95% en 2020. Pola contra, os fogares de xente moza con rendas de 2.000 a 2.500 euros pasou do 20,31% no 2007, ao 13,87% no 2020.

3.    A taxa de paro para as persoas de entre 16 a 29 anos situouse no segundo trimestre deste ano 2022 nun 36%. No que respecta ao indicador de paro xuvenil, que recolle as persoas menores de 25 anos, esta porcentaxe pasou do 15,61% no segundo trimestre do 2007 ao 34,88% no segundo trimestre deste 2022, superando en máis de cinco puntos a media española.

4.    A maternidade: un desexo irrealizable. Do mesmo xeito que acontece nos países da nosa contorna, a idade media da maternidade vense retrasando de forma progresiva en Galicia, pasando dos 30,20 anos en 2007, aos 32,39 actuais. Aínda que non contamos con datos desagregados por comunidades, dende a perspectiva reprodutiva a enquisa Injuve 2019 constata que a natalidade entre a xuventude de 15 a 29 anos descendeu de forma significativa. No 2008 a porcentaxe de persoas mozas que non tiña fillos era do 88,1%, mentres que no 2019, esa cifra medrou ata o 92,2%. Porén, un 37,7% manifesta que lle gustaría ter dous fillos, seguidos dun 15,1% que desexaría un, e o 12% que afirma querer tres ou máis. Analizados os motivos de desaxuste entre a maternidade desexada e a realizada, atopamos cuestións como o desemprego, a precariedade laboral e a falta de expectativas laborais.

5.    A saúde mental empeorou tras a pandemia da Covid-19. Diferentes especialistas veñen alertando de que a mocidade é a que máis está pagando as consecuencias emocionais derivadas da crise da pandemia, que non fixo senón aumentar a súa sensación de inseguridade e precariedade. As dificultades de imaxinar e construír proxectos de vida estables semellan explicar que estas cohortes de idade se converteran nos primeiros demandantes de atención psicolóxica, case sempre, privada. Hoxe, o suicidio é xa a primeira causa de morte non natural nas persoas de entre 19 e 25 anos. 

O doado é bramar fraxilidade, o máis difícil, asumir que a saúde, como case todo, é unha cuestión de clase social. Segundo os datos da Enquisa Nacional de Saúde publicados polo Ministerio de Sanidade en 2017, o 13,5% das persoas de clase social máis baixa presentaba algunha enfermidade mental, mentres que entre as máis favorecidas esta cifra caía ao 5,9%.Fálase de serotonina, pero algún estudo apunta xa á influencia da seguridade laboral percibida, á temporalidade e ao nivel salarial como factores clave á hora de entender a incidencia da depresión e a ansiedade na poboación.

Comentarios