Xeal abre a porta a que a Xunta recupere as concesións hidroeléctricas do Xallas

A Xunta argumenta que a empresa cumpre cos pregos das concesións hidroeléctricas ao manter a actividade nas plantas de ferroaliaxes para non ter que rescatalas.
Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal. (Foto: Josfor)
photo_camera Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal (Foto: Josfor).

Sen mediar ningún tipo de comunicación previa e sen dar tampouco ningunha data para a súa posta en marcha, a empresa Xallas Electricidade e Aliaxes (Xeal) paraba esta semana o forno 14, o único que mantiña en activo na planta de Cee, aducindo o alto custo da enerxía. 

Porén, cando TPG-Ithaka comprou no verán de 2019 os activos da compañía a Ferroatlántica ─firma controlada polo empresario Juan Miguel Villar Mir─ non só incluíu as plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, senón tamén unha serie de centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande asociadas a actividade das fábricas. 

Precisamente, unha resolución de Augas da Galiza impedindo a segregación de actividades ─ratificada posteriormente polo Tribunal Supremo─ foi  a que motivou que Villar Mir decidise vender en bloque estes activos a un fondo de investimento, aínda que na práctica, como denuncia o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), segue a actuar como unha subcontrata, xa que é a que compra toda a produción.

"Nós vimos denunciando desde agosto do 19 que se trata dunha venda fraudulenta, xa que a empresa só estaba interesada na produción de enerxía eléctrica, porque as decisións de produción quedaban en mans de Ferroatlántica, como se fóramos unha subcontrata", explica Mouzo a Nós Diario.

Retirada das concesións

Sobre o incumprimento das concesións, o presidente do comité asegura que a empresa "estase a lucrar cos exaxerados beneficios caídos do ceo", porque o megawatt hidráulico "élle moi económico e está a vendelo a prezo de ouro". "A Xunta ten que pórlle a man enriba dunha vez por todas, porque as concesións foron feitas para facer ferroaliaxes e non para deixar esmorecer as fábricas", abunda.

A este respecto, exixe á Administración "que faga cumprir as cláusulas ou que lles retire as concesións", xa que Xeal "está a desmantelar o centro de traballo e a acabar co que na comarca coñecemos como a fábrica, porque é a única industria que hai".  "Non sei a que máis espera", lamentou Mouzo, que aproveitou para afearlle ao conselleiro de Economía, Francisco Conde, que dous anos despois da venda e após múltiples peticións, non teña accedido a recibirlles para abordar estas cuestións.

A Xunta fai a vista gorda

O que quedou claro é que o Executivo galego non está interesado en rescatar as concesións. A este respecto preguntou onte o BNG en comisión parlamentaria, mais a resposta da Xunta foi que, ao seu entender, Xeal está a cumprir coas cláusulas, xa que "a empresa segue a funcionar e a ter actividade", explicou a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, que incidiu en que a cláusula que vincula as dúas actividades é "central" e está totalmente "en vigor".

Fronte a iso, o deputado nacionalista Daniel Pérez asegurou que, desde que mudou a titularidade, "perdéronse 110 empregos" e existe un "descenso da actividade produtiva inxustificado". "O único que lles interesa aos novos donos é a explotación dos  pingües beneficios da produción eléctrica", engadiu sobre o que cualifica unha "segregación encuberta". 

Beneficios que marchan

Xeal, controlada por un fondo norteamericano, non tributa na Galiza, de aí que o presidente do comité considere que o feito de que vaian para os Estados Unidos de América (EUA) os froitos de explotar "os recursos públicos de todos os galegos e as galegas", cando aquí a empresa está a destruír empregos "é un pouco surrealista", argumenta Mouzo.

Xeal conta na actualidade con dez centrais hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande que suman unha potencia instalada de 167 megawatts (MW) o que, segundo Mouzo, daría para cubrir as necesidades dos dous fornos que seguen activos en Dumbría e mesmo para a do forno 14 de Cee.

Ademais, a empresa contempla a posibilidade de levantar unha central de bombeo en Mazaricos, a financiar con fondos europeos, para incrementar o volume de enerxía que xera.

Comentarios