Volven os tractores á rúa: “Co acordo lácteo do que tanto presume o goberno, segue a perder o gandeiro”

Os produtores rodean centros de distribución en Lugo e A Coruña e 'cercan' a muralla lucense cunha tractorada para reivindicar prezos xustos. Denuncian que seguen a lles pagar o litro por baixo do prezo de produción, mentres industria e distribución aumentan beneficios.

Por volta de 150 tractores a pé do Carrefour da Coruña,medio cento deles desde primeiras horas da mañá e máis de 800 deste vehículos -cálculo da Policía Local- a rodear a muralla de Lugo. Dúas accións nesta quinta feira coas que os gandeiros impulsan unha nova vaga de protestos perante o que cualifican de “situación insostíbel”. Sosteñen que o acordo asinado en setembro, que xa fora denunciado daquela por organizacións galegas como insuficiente, non se cumpre. “Desde logo, o pacto aquel ao gandeiro non beneficiou”, manifesta a Sermos Galiza Elías Somoza, da Fruga. Tamén opina o mesmo Xosé R. Cendán (SLG), que denuncia que o acordo de Madrid “tivo efectos na distribución, mais non no produtor”. O gandeiro, ao fin, segue igual ou peor que no verán.

As mobilizacións, advirten desde a Plataforma en defensa do sector lácteo e tamén desde Agromuralla, son indefinidas, e poderán ir en aumento ao longo dos vindeiros días. “Iso será segundo decida a xente”, aponta Cendán. Os produtores lembran que se lles está a pagar a 26 céntimos o litro cando só os custos de produción dun litro móvense entre os 33 e os 36 céntimos.

pitusa friqui liugo tractoresAumento do prezo ao consumidor que vai ao peto da distribución.

Elías Somoza explica o por que destas novas mobilizacións. “Os prezos seguen a ser baixos, moi baixos, e mesmo hai ameazas por parte de determinadas empresas de facer contratos á baixa e algunhas, como Entrepinares, ameazan mesmo con deixar de recoller o leite”. Por se isto non fose de abondo, indica Somoza, houbo un aumento nos liñais, é dicer, no prezo ao consumidor do litro de leite. Mais esa suba “non repercutiu no gandeiro”, ficando o beneficio noutros ellos da cadea. Unha tomadura de pelo, segundo os produtores.

“Detrás de cada explotación hai unha familia que necesita vivir”, lembra o representante do SLG, “e se pagan por baixo dos custos de produción” iso é “imposíbel”. E Galiza segue a ser a zona de Europa onde máis baixa se paga o leite. “Algo terá que ver a inación do goberni niso”, di Cendán.

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, manifestou, a respecto desta xornada de mobilizacións, que "os gandeiros galegos teñen que saber que o goberno galego é o seu máximo aliado". Porén, os produtores levan meses a sinalar a Xunta e o seu desleixo como unha das responsábeis da actual situación. A delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, manifestou nesta quinta feira que "as manifestacións en plena campaña electoral inciden directamente nesa campaña e esa non é a fórmula acaída".

Imaxe capa: GZ Contrainfo. Dentro: CIG e @pitusafriqui

Comentarios