Unións Agrarias alerta da situación

Viticultores esixen á Xunta que evite a perda de uva

Unións Agrarias esixe que a Xunta garanta a comercialización de toda a uva dispoñíbel nesta colleita dentro das respectivas denominacións de orixe e cualifica de “alarmante” a situación en que se atopan “numerosos viticultores”.
A Ribeira Sacra no programa Imos de Viños
photo_camera A Ribeira Sacra. Foto: cedida.

O sindicato vén de reclamar á Consellaría de Medio Rural “implicación” para que os produtores “poidan dar saída a toda a produción dispoñíbel nesta campaña”. Segundo explica a central, a cantidade de uva excede en moitas parcelas as cotas fixas aprobadas polos consellos reguladores. “Se non se habilitan medidas excepcionais, numerosos viticultores veranse na obriga de deixar parte da súa uva sen recoller por non poder vendela”, engade.

Ao ver de Unións Agrarias, o Goberno galego e os consellos reguladores -son cinco e deles dependen as denominacións de orixe- deben “habilitar coa máxima urxencia un mecanismo que permita aos produtores que se achen nesta situación beneficiarse dunha inspección das parcelas que corrobore os datos reais de produción e que lles permita dar saída á totalidade da colleita”.

Máis alá, o sindicato entende que cómpre mudar “o actual modelo de rendementos fixos por un variable” para adaptar as cotas “á realidade das distintas subzonas e variedades produtivas”.

Comentarios