Viticultores din que as axudas do Estado ao viño non teñen en conta a realidade do sector galego

AGV-FRUGA considera que “en pouco, ou nada” axudarán ao sector vitivinícola galego.

A Ribeira Sacra no programa Imos de Viños
photo_camera A Ribeira Sacra

A Asociación Galega de Viticultura (AGV)- Fruga lamenta que as medidas aprobadas polo Ministerio de Agricultura para o sector do viño non teñan en conta a realidade do sector na Galiza. A AGV explica que estas axudas conteñen só 3 liñas: destilación voluntaria para viños en granel cun grado alcohólico mínimo do 11%, almacenamento privado voluntario de viño, e colleita en verde da totalidade dos acios de uvas, mentres están inmaturos, en parcelas superiores a 0,3 has.

“Dende o primeiro momento a AGV manifestou que estas axudas están pensadas para a vitivinicultura que se desenvolve noutros territorios do estado español, e que para nada se corresponden coa nosa realidade e non resolverán os graves problemas actuais das nosas adegas, persoas viticultoras e Consellos Reguladores das DO”, afirma a asociación nun comunicado.

Para a AGV, é unha “satisfacción” que a Consellaría tamén partille parte desta análise mais lémbralle que a Xunta ten competencias no sector e aponta a que agarda que ese posicionamento non se deba á proximidade da cita electoral.

A Asociación Galega de Viticultura (AGV) advertira a finais de marzo que o sector estaba "contra as cordas" como consecuencia da pandemia da COVID-19. O feche de locais de hostalería e a imposibilidade de exportar o produto está a obrigar as adegas a recortar gastos a "recorrer, como noutros sectores, a medidas laborais ou redución doutros insumos".

Porén, queixábanse de que "o sector vitivinícola, e nomeadamente as adegas, non se poden acoller a ningunha das medidas laborais habilitadas polo Goberno do Estado para as empresas e autónomos", xa que ─explican─ "as vides non entenden de pandemias" e "seguen os seus ritmos biolóxicos", polo que "hai que seguir facendo os traballos de campo" para garantir a próxima colleita de uva e os viños do seguinte ano.

Comentarios