Vintecinco anos de militancia no sindicalismo nacionalista

Moitas caras coñecidas. Cargos políticos e sindicais do nacionalismo déronse cita no acto no que a CIG recoñecía o compromiso da afiliación con máis de vintecinco anos de militancia no sindicalismo nacionalista en Compostela. Xuntanzas como estas estanse a desenvolver en todas as comarcas do país.

 


En Compostela a cita denvolveuse a sexta feira,  25 de maio. Mais actos co mesmo formato estanse a realizar en todas as comarcas do país co obxectivo de xuntar e homenaxear as traballadoras e traballadores que levan máis de 25 anos militando na central sindical. Diante da afiliación coa que compartiu tantos anos e tanto traballo político e sindical, o Secretario Xeral da CIG-Ensino Xesús Seixo, aproveitou para destacar, nos seus nomes 
"valores como a solidariedade, o traballo colectivo, a xenerosidade, o compromiso militante e desinteresado a favor dunha nobre causa, como a que representa a loita da clase traballadora por construír unha sociedade máis libre, xusta, solidaria, democrática e, no noso caso, máis galega”.

Xuntos viron como a central nacionalista foi medrando para se converter no primeiro sindicato en número de afiliados e coa máis sólida capacidade mobilizadora. Durante todos estes anos nos que os homes e mulleres que recibiron a homenaxe partillaron aa acción sindical, a CIG ten encabezado centos de manifestacións e actos de protesta e foi peza clave no transcorrer do mundo laboral galego, sempre de parte da clase obreira e dos dereitos nacionais.

Coa afiliación á que o une a historia recente do sindicalismo nacionalista, o secretario xeral da CIG denunciou o recorte de dereitos e calidade de vida que a sociedade galega está a padecer e que sempre defendeu a central sindical. “Recortes que están a practicar a burguesía e o capital sob pretexto da crise económica” sinalou, nunha situación na que compre promover “un debate ideolóxico aberto á sociedade sobre que modelo económico e social é máis favorábel aos intereses da maioría”. 

Comentarios