Vinte anos de investimentos europeos non evitan o esmorecemento do rural

Após vinte anos de programas e plans de desenvolvemento rural, deseñados desde Bruxelas e implementados polo goberno galego, todos os indicadores seguen a apuntar cara á desaparición do rural galego.
photo_camera Val de Santalla (Ribeira de Piquín, Lugo)

Após saltaren aos medios de comunicación as inxentes cantidades de diñeiro público que a través dos Programas de desenvolvemento rural (PDR), as administracións públicas destinan á construción, entre outros, de pistas de paddle no interior do país, se facemos unha revisión ampla da xestión dos fondos públicos europeos, estatais e nacionais recibidos en Galiza (a través do progama LEADER, PRODER ou AGADER respectivamente) nas últimas décadas vemos polo miúdo cales foron as consecuencias reais da súa xestión. Neste sentido, existe unha tendencia xeneralizada que considera que as bondades atribuídas a estas políticas de desenvolvemento sempre son acadadas no rural galego. Con todo, existen voces que sinalan cara a outras realidades. Este é o caso de Rubén C. Lois, catedrático en Xeografía e autor de numerosas publicacións na materia, quen sentenciou que o foco do problema na Galiza era a “moi deficiente xestión dos fondos europeos, estatais e autonómicos”.

Os plans de desenvolvemento rural non impediron a perda de poboación e servizos no rural galego

Despois de case 20 anos de políticas en desenvolvemento, cuxos fondos foron investidos principalmente en materia turística, por medio do financiamento de casas de turismo rural, non se observan cambios aparentes no conxunto do rural galego.Os millóns de euros destinados, nomeadamente desde as institucións comunitarias a prol do desenvolvemento rural, non contribuíron á dinamización das áreas xeográficas ás que se dirixían, senón que, pola contra, a realidade do rural galego --desde unha perspectiva demográfica, económica, social e cultural-- é hoxe peor. Cuestión que numerosos estudos argúen á falta dunha planificación estratéxica na distribución e asignación dos fondos percibidos, pois no caso galego --amparado nas administracións estatal e autónoma-- en numerosas ocasións foron xestionados antes de existiren proxectos específicos que financiar. Lois sinala, asemade, que malia que a "intención teórica fose inicialmente boa", partindo da base da necesidade de "diversificar a economía na procura de manter un rural vivo e fixar poboación", o principal problema das políticas de desenvolvemento rural foi "que viñan deseñadas desde Bruxelas apoiadas noutras experiencias" que nada tiñan a ver co rural galego.

Os programas afondaron no patrón esmorecente do sector agrario

Aliás, arredor dos programas de desenvolvemento rural, foi xerándose toda unha “cultura clientelar”, denunciada en diversas ocasións por colectivos ecoloxistas como Adega, que, en troca de pular pola dinamización dun rural en crise, só serviu para beneficiar os “petos amigos” --como reflicte a investigación por delito de “fraude e corrupción” ao ex-presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, co gallo dunha malversación de fondos europeos. Os fondos destinados aos programas de desenvolvemento rural, principalmente aqueles enmarcados no período 2000-2006, xestionáronse sen o debido coñecemento das necesidades e características do país, sendo aplicadas de maneira sistemática en todo o territorio galego mais esquecendo as particularidades propias das zonas rurais , que fican afastadas dese “ideario” concibido desde Bruxelas. Neste sentido, a través da súa implementación, afondaron no patrón esmorecente da do sector agrario , base tradicional do noso rural, cuxa recuperación segundo as autoridades comunitarias --co visto e prace da Xunta e o goberno español-- pasaba pola adopción do turismo como “sector alternativo fronte á crise da economía tradicional”.

Os Grupos de Desenvolvemento Rural demandan capacidade de decisión e deixaren de ser correas de transmisión dos aparellos de poder

O profesor en Xeografía, Rubén Lois, sinala que o desenvolvemento rural debe "basearse necesariamente na actividade agraria" como base tradicional da economía rural. Pola contra, a expansión do turismo rural da Galiza está fortemente asociada cos efectos da introdución de plans e programas de desenvolvemento financiados por fondos europeos, que optaron polo turismo como un mecanismo indiscriminado de renovación socioeconómica en áreas rurais. Eis a xustificación do investimento dunha importante partida orzamentaria á creación de casas de turismo rural, principalmente, e ironicamente naquelas zonas que apresentan un maior dinamismo: a franxa occidental do país.

No entanto, foron moitos os proxectos que, financiados con fondos europeos, caeron en saco roto ou simplemente non tiveron nada a ver cunha planificación estratéxica que contribuíse a mellorar a situación económica e demográfica do rural galego. Neste sentido, o PDR 2007-2013, contempla unha serie de partidas orzamentarias destinadas a supostos "proxectos de dinamización das áreas rurais galegas", como reza a resolución publicada no DOG o 17 de outubro deste mesmo ano, en que se financian con fondos Feder (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural) proxectos cun claro enfoque turístico, mais que en ningún caso actúan como dinamizadores do rural galego. Aparcadoiros para auto-caravanas (95.394€) como o do concello de Ortigueira, a xeración dunha aplicación móbil para dispositivos co sistema operativo Android
(7.500€) no municipio de Covelo ou a adaptación da pista de tenis en Forcarei (25.065€), son algúns dos proxectos financiados.

Para Lois, os programas de desenvolvemento rural "supuxeron un dispendio para manter os aparellos de poder" en troca de pular pola equiparación das áreas rurais fronte ás metropolitanas.

Foto de portada: Tomás G. Santis

Comentarios