Vicalsa quer Vulcano

O grupo vigués Vicalsa confirma o seu interese polo estaleiro e pide que se manteña e amplíe alén 2027 a concesión outorgada polo Porto de Vigo.
[Imaxe: Wikipedia] Instalacións de Vulcano
photo_camera Instalacións de Vulcano (Imaxe: Wikipedia)

O grupo vigués Vicalsa, experto na prestación de servizos de reparación naval, confirmou o seu interese polas instalacións do estaleiro Vulcano, en proceso de liquidación, aínda que apuntou que, para garantir a viabilidade do seu proxecto, debe manterse e ampliarse a concesión administrativa outorgada pola Autoridade Portuaria de Vigo.

Viguesa de Calderería, S.A. informou de que está "a traballar na elaboración dun plan de negocio referente á viabilidade da actividade de construción e transformación naval" nas instalacións do estaleiro, no barrio de Teis.

"Para garantir a viabilidade do proxecto, é imprescindíbel e necesario que a concesión administrativa outorgada pola Autoridade Portuaria de Vigo que teñen concedidas esas instalacións (...) continúe en vigor, e cunha ampliación do prazo de concesión máis aló do 2027", advertiu o grupo empresarial.

Vicalsa trasladou tamén que, unha vez elaborado ese plan de negocio, presentarase oferta polas instalacións de Vulcano "nas próximas semanas".

Comentarios