Unha escolma do papel /debates 2x5

A viabilidade do sistema público de pensións

Antolín Alcántara e Miguel Anxo Bastos confrontan as súas visións a respeito das pensións como dereito.

 

debate4
photo_camera [Imaxe: Cintia París]

O esgotamento do coñecido como peto das pensións leva a situar a lente sobre o sistema público de pensións para se preguntar sobre a súa orixe, presente e futuro. A nova entrega da sección 5×2, que Sermos Galiza impulsa para conmemorar o seu V Aniversario, reúne Antolín Alcántara, secretario nacional de negociación colectiva da CIG, e Miguel Anxo Bastos, profesor de Ciencias Políticas e Socioloxía na USC, para debullar esta cuestión.

Sermos Galiza. Estes meses abundou, a raíz do peto das pensións, o debate sobre a viabilidade ou non do sistema público de pensións…

M.A. Bastos. O peto das pensións é só un apunte contábel. Aznar abriu un fondo de pensións que dotou con 20 mil millóns de euros, ese fondo mercou débeda pública, nomeadamente española, e devolveu os cartos con outra man. Non hai cartos gardados nese peto. É un calote que non é novo, inventouno Roosevelt nos Estados Unidos.

A. Alcántara. O peto das pensións serve para referencializar o que son gastos e ingresos. Estes anos minguou e foron retirando diñeiro dese peto, que estaba investido en débeda pública, e iso serve agora como argumento para dicir que non hai ingresos e que hai que reformar as pensións: subir anos de cotización, aumentar idade de xubilación.

SG. O debate, logo, céntrase en como debería ser o financiamento do sistema público de pensións.

Bastos. O sistema de pensións é un sistema contábel aparte, mais os ingresos que ten van para o estado e os gastos saen do estado. Nos anos de superávit, os ingresos excedentarios ían para o estado, que os gastaba. Agora hai déficit e os cartos que faltan cóbrense con impostos ou emisións de débeda. Crearon ese imposto de traballo co gancho da promesa de que nos ían dar unha pensión ao chegar a vellos. Cando o inventa Bismarck ten 20 millóns de cotizantes mais apenas uns miles a cobrar. Que acontece agora? Que hai menos xente moza traballando e moita xente maior xubilada. Isto afecta non só as pensións senón a todo o estado de benestar: a sanidade, educación…

Alcántara. Queren convencernos de que as pensións teñen que autofinanciarse e iso non ten por que ser así. En 2011 o número de traballadores de alta na Seguridade Social (SS) era igual que en 2016. Porén, a diferenza de ingresos era de 2.300 millóns de euros. É dicir, ingresábase máis en 2011 co mesmo número de cotizantes que en 2016. Iso afecta as pensións e débese á precariedade no mercado de traballo. Ademais da gran fraude que hai: Inspección denuncia que 30% das horas que se traballan en contratos a tempo parcial non se cotizan. E cotízase 15% menos de horas totais traballadas que hai 5 anos, cando agora hai máis asalariados que daquela.

Bastos. Nunha crise a produtividade cae, os salarios baixan e as cotizacións tamén.

SG. É o actual modelo de mercado laboral o principal perigo para manter un sistema público de pensións?

Alcántara. Nestes anos a precariedade instalouse en todo. Coa crise a xente asume ir traballar en condicións que non aceptaría anos atrás. O feito de que o salario medio descendera en Galiza 10% en cinco anos ten a ver moito tamén co futuro das pensións. Hai unha cuestión a acentuar: o custo das pensións no Estado español sobre o PIB é 5% inferior a Italia. Son 50 mil millóns de euros anuais menos, case o que significa o peto das pensións. O que non podemos é cuestionar as pensións, porque estamos a falar da subsistencia de moitas familias que non teñen outro tipo de recursos. O estado ten que garantilas.

SG. Como garantilas?

Bastos. O que garante o sistema de pensións é a base fiscal do Estado español, que se ten rendas para pagar iso, ben; e se non ten, iso repercute en todo, goste ou non. Se tes unha leira que dá 100 e pasa dar 70, tes que arranxarte con 70, sexa xusto ou inxusto, parézache ben ou mal. As pensións xa quebraron cinco veces. Houbo cinco reformas do pacto de Toledo. Se ti fas iso nun mercado de bonos, se ti cambias as condicións do contrato de bonos, do seu rendemento, xa tes default. Entre as reformas de Zapatero e Rajoy baixaron as pensións 35% e sen protestos, foron astutos. Retrasarche dous anos a pensión é rebaixarche a pensión 10%: a esperanza de vida desde que te xubilas até que morres son como 20 anos a día de hoxe. Se che atrasan dous a xubilación, 10% que che quitan. Trucos que fixeron. En moitos países europeos as pensións son mínimas, de supervivencia, complementadas despois con pagas de caixas de empresa.

A. Alcántara: "A batalla que tiñamos que estar a dar sería a da mellora das pensións, moitas delas de subsistencia"

Alcántara. Ti dis que todo se basea no PIB e na riqueza que tes para, a partir de aí, priorizar. Sempre se debe dar prioridade a manter o gasto social. As pensións teñen a ver co que facemos cos ingresos. Se non hai ingresos abondo das cotizacións do mundo do traballo, o estado ten que facer reformas: para que os salarios melloren, por exemplo. Temos dos salarios máis baixos na UE e iso tamén ten a ver co futuro das pensións. Os salarios baixos, as baixas cotizacións, unha lexislación que non é quen de garantir o traballo e que os recursos do traballo vaian onde se precisan… lévannos a unha situación como esta.

Bastos. É certo que hai que priorizar. Cal é o problema? Que as pensións levan 60% dos orzamentos xerais do estado. Calquera aforro que queiras facer noutros gastos non chega. Se o país cae, non hai máis remedio que recortar onde hai. Falas de subir os salarios, mais os salarios non se  poden subir por decreto.

Alcántara. Pódese subir o salario mínimo, por exemplo.

Bastos. Se sobes o salario mínimo, mandas máis rapaces ao paro. Os salarios non poden subirse por decreto. Se fose tan doado, non habería pobreza no mundo. O salario depende da produtividade. A dotación de capital que ten un traballador galego non é a dotación de capital que ten un traballador alemán, que ten mellores máquinas, man de obra mellor cualificada e adestrada, unhas formas de organización de traballo distintas… Iso é o que explica as diferenzas salariais. No Estado español, coa mesma normativa laboral para todos, hai moita diferenza entre o que cobran os traballadores de País Vasco e os de Jaén, por exemplo. O capital non é só ter máquinas e factorías, é ter unha infraestrutura boa de estradas que che permita mover o produto, boas liñas de comunicación aérea e marítima, ter dotación de electricidade relativamente barata… iso faite competitivo.

Alcántara. Temos unha diferenza de 23% en salarios medios en Galiza a respeito de Euskadi. Non somos máis competitivos por iso. Somos menos competitivos, temos máis paro e moita máis precariedade que en Euskadi. De feito, onde están os salarios máis baixos na UE? En Portugal, en Italia, no Estado español, en Grecia… os países que tiveron a crise máis dura.

Bastos. O salario é relativo ao que produces.

Alcántara. O PIB do Estado español é o sexto da Unión Europea e non somos o sexto en salarios.

Bastos. Certo, pero depende da produtividade e non todos os territorios son iguais. Por que se paga un carro alemán? Porque son carros moi ben feitos. E esa clase obreira levou moito tempo creala. E.P Thompson en A formación da clase obreira en Inglaterra conta como se constrúe un obreiro moderno, unha persoa que traballe con calidade, con competencia, seriamente. Iso é difícil de atinxir e non se logra en todos os sitios. Iso deriva en salarios distintos e despois tamén en pensións distintas. Se non producimos, non podemos financiar sanidade nin pensións nin nada, por moita lei que fagas. As pensións son clases pasivas, xente que traballou duro e merece ter unha recompensa. Mais quen mantén as pensións son as clases activas, que traballan. Por iso, o que hai que facer é incrementar a produción, e a partir de aí poderás ter sanidade, pensións, educación…

Alcántara. Son máis variábeis: se incrementas a produción, se aumentas o traballo, se tes un traballo máis decente, se tes salarios mellores… Eu non acepto que nós non sexamos produtivos. Sómolo, mais os salarios non subiron, baixaron a respeito da inflación.

Bastos. Claro, iso é unha crise.

Alcántara. No mesmo período histórico, o peso dos salarios no PIB caeu e o das rendas do capital subiron. E iso ten a ver co sistema. Todo isto non é inocente nin causal. As pensións até agora continúan a se autofinanciar. E se nalgún momento non o fan, fanse achegas do estado? Fanse reformas? Si ou non? Ese é o debate. Por que non se fala da necesidade de mellorar as pensións, que son moi cativas? Miguel, tes razón nunha cousa, en que é unha fraude, un timo, porque nós partimos dun pacto, comezamos a traballar, aportamos unha cantidade concreta para unha pensión concreta. Iso modificouse nestes anos moitas veces. O grave é que se poida formular unha nova reforma das pensións. Se ben a aritmética parlamentar obrigaralle ao PP a consensuala e non sei que apoios terá…

M. A. Bastos: "Se o país non produce, non podes manter pensións, nin sanidade nin nada, por moitas leis que fagas"

Bastos. Botaralle a culpa da necesidade desa reforma a Europa.

Alcántara. Dirán que teñen que reducir o déficit público por orde de Bruxelas, e que iso obriga tamén as pensións. A batalla que tiñamos que estar a dar sería a da mellora das pensións. Hai pensións, como a media no caso de Galiza, que son de supervivencia.

Bastos. Non quero ser malo, son pensións baixas en termos absolutos mais son altas en relación ao que se cotizou.

Alcántara. Pero é que o sistema de pensións ten que ser un sistema solidario.

Bastos. Durante moito tempo houbo un gran superávit nesa conta da Seguridade Social, achegaba moitos cartos ao estado, que aproveitou para dar pensións contributivas a persoas que non cotizaron, Felipe González coa cotización agraria… As persoas que agora chegan á xubilación fano cunhas cotizacións altas e unha esperanza de vida moi longa. Cando se monta o sistema de pensións actual, que o monta Franco, funcionaba fantástico: 20 millóns de traballadores a cotizar e medio millón a cobrar. Que marabilla! E déronse pensións, de viudedade, orfandade… Agora tes un problema para manter iso.

Alcántara. Ter salarios baixos non dá vantaxe competitiva e tamén determina como son as pensións.


 

PASOS A SEGUIR

 

SG. Cales deben ser os pasos para garantir un sistema público de pensións?

Bastos. Eu non son partidario das pensións públicas, son partidario das pensións individuais. O sistema español deriva cara a unha pensión cada vez máis pequena, de supervivencia e que será complementada con aforros, con caixas ou como se queira chamar.

Alcántara. Ti bota unha ollada á realidade do mundo do traballo hoxe, á que idade comezan a traballar os rapaces, con que salarios, en que condicións, o que cotizan ao longo da súa vida… Que pensións van ter?

Bastos. Os rapaces que tiñan que garantir as pensións dos da miña xeración xa non naceron, a pirámide demográfica cambiou, hai pouca poboación moza. A miña xeración xubilarase dentro de 15 ou 20 anos. Somos a xeración do baby boom, polo que somos moitos e relativamente sans, imos vivir moitos anos de xubilados. Quen nos vai manter? Porque non vai haber xente traballando. O principal activo dun país é a súa xente e iso non se ten en conta.

Alcántara. Quen vai sufrir iso vai ser a clase traballadora. Todo o mundo sabe que da maneira en que está lexislado, da forma en que se fan os contratos, os salarios que hai, as condicións de traballo, o promedio de cotización… é imposíbel que se poidan manter as pensións. Mais o estado ten que garantir que toda a xente estea protexida por ese dereito. Se non, é un suicidio.

Este debate apareceu no Sermos Galiza nº 246, publicado a 18 de maio de 2017.

Comentarios